O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou hoxe por videoconferencia nun seminario organizado por EAPN—España
A Xunta destaca a coordinación co resto das administracións e as entidades sociais fronte á exclusión
Exemplos dese traballo conxunto son a Axenda Social de Galicia e a Historia Social Única Electrónica
Fíxanse como próximas actuacións o desenvolvemento do Plan estratéxico de servizos sociais ou a futura Estratexia de inclusión social
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, fixo hoxe fincapé na importancia da implicación e participación das entidades sociais nas actuacións da Administración autonómica fronte a exclusión en Galicia. Así o recalcou na súa intervención, por videoconferencia, no Seminario da Rede Española de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN—España), no que se analizaron as estratexias contra a desigualdade no ámbito autonómico.
Arturo Parrado destacou que na atención aos fogares vulnerables a Xunta, o resto das administracións e as entidades “traballamos mellor xuntos, con criterios homoxéneos, con obxectivos comúns e evitando solapamentos”. Como exemplos desta actuación coordinada con entidades e administracións, puxo a Axenda Social Única e a Historia Social Única Electrónica (HSUE).
A Axenda social, que desde a súa implantación en 2016 acadou un grao de cumprimento do 96%, contén medidas nos campos da exclusión residencial, a pobreza económica e enerxética, a dependencia e os servizos de atención no fogar, o emprego e a cooperación entre administracións públicas. O director xeral apuntou que xa se iniciou un proceso de actualización da mesma, con novos contidos orientados a incrementar o seu impacto nas persoas en familias en risco de pobreza ou exclusión.
Respecto á HSUE, Arturo Parrado explicou que nestes momentos 311 dos 313 concellos de Galicia xa teñen acceso a esta plataforma que integra todos os datos relativos á atención social das persoas beneficiarias do sistema galego de servizos sociais. O responsable autonómico de Inclusión manifestou que con este sistema se mellora o traballo dos técnicos da área social dos Concellos e da Xunta, ademais de reducir os tempos de resposta aos destinatarios da prestación.
Próximas actuacións
Na súa intervención, Arturo Parrado tamén avanzou novas actuacións para mellorar a calidade do sector público autonómico, a través do desenvolvemento do Plan estratéxico de servizos sociais ou da futura Estratexia de inclusión social.
Así mesmo, reforzarase a aposta pola innovación social, seguindo a experiencia de iniciativas como o programa Nelson Mandela para a reintegración social de reclusos do penal de Teixeiro, que recibiu recoñecementos importantes como o da Rede Social Europea.
Por último, o director xeral de Inclusión sinalou que o Goberno galego continuará a traballar para minimizar os impactos da pandemia por covid-19 nos fogares, para o que xa se están a levar a cabo medidas como a axilización da Risga ou a Tarxeta Básica.