A Xunta apoia a prevención, a información e o asesoramento en materia de xogo responsable

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, asinou hoxe sendos convenios de colaboración coa Asociación Galega de Ludópatas en Rehabilitación e coa de Xogadores Anónimos, dotados con 5.000 euros cada un

O obxectivo é apoiar a estas organizacións para que continúen coa prestación de atención especializada ás persoas que padecen ludopatía e problemas derivados da adición ao xogo

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2020

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, destacou hoxe a colaboración e cooperación do Goberno galego coas asociacións que tratan os problemas derivados de condutas aditivas relacionadas co xogo.

Así o asegurou durante a sinatura de sendos convenios de colaboración con representantes da Asociación Galega de Ludópatas en Rehabilitación (AGALURE) e da Asociación Galega de Xogadores Anónimos (AGAJA), ás que a Xunta apoia con 5.000 euros a cada unha para accións de prevención, promoción, divulgación, información e asesoramento en materia de xogo responsable.

Ambas organizacións ocúpanse de ofrecer atención especializada ás persoas que padecen ludopatía e problemas derivados da adicción ao xogo, así como realizar funcións de información, orientación e sensibilización sobre este tema ao conxunto da sociedade.

A Asociación Galega de Ludópatas en Rehabilitación (AGALURE) ofrece ás persoas que padecen ludopatía e problemas derivados da adicción ao xogo atención médica e psicoterapéutica, asesoramento xurídico e os apoios necesarios para a rehabilitación e inclusión social dos afectados. Ademais, traballa na detección das persoas afectadas por este problema para levar a cabo actuacións preventivas e de sensibilización que axuden á súa comprensión social.

Por outra banda, a Asociación Galega de Xogadores Anónimos (AGAJA) desenvolve actividades terapéuticas para a recuperación de persoas ou colectivos con trastornos de conduta ou control derivados dos xogos do azar ou semellantes, xunto con medidas para apoiar a súa reinserción social e a do seu entorno máis próximo. Tamén leva a cabo iniciativas de sensibilización á sociedade xeral, e sobre todo nos ámbitos familiar, escolar e laboral, sobre os riscos que os xogos de azar supoñen ao xogador habitual e os seus familiares.

Imaxes relacionadas