As actuacións enmárcanse nas tarefas que se veñen realizando nos últimos meses en máis de 30 vías autonómicas para contribuír a previr lumes e reforzar a seguridade

A Xunta inicia este luns os traballos de roza e limpeza nas marxes de distintas estradas nas comarcas do Baixo Miño, o Salnés e Betanzos

Actuarase nas vías de alta capacidade CG-4.2, en Tomiño e A Guarda; na VG-4.3, que comunica Cambados e Vilagarcía; así como na estrada AC-542, en Betanzos

Seguirán os traballos iniciados hai dúas semanas na vía de alta capacidade PO-010, que conecta a circunvalación de Vigo co polígono industrial de Balaídos

Tamén continuará a traballarse na vía CG-2.2, en Lugo e no Corgo; na LU-862, entre O Vicedo e Viveiro; e na estrada da provincia de Ourense OU-404, en Cartelle

Seguirán, ademais, as tarefas na comarca de Ferrol, na vía de alta capacidade VG-1.2, en Ares e Mugardos; e na estrada da Costa da Morte AC-432, en Vimianzo

As actuacións céntranse na retirada de especies pirófilas e nas rozas nas marxes das estradas, así como no acondicionamento das sendas para o tránsito peonil

Os obxectivos destes labores son potenciar o efecto cortalumes das estradas, aumentar a seguridade viaria e fomentar a mobilidade segura e sustentable
 

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2020

A Xunta comeza este luns os traballos de roza e limpeza nas marxes de distintas estradas de titularidade autonómica nas comarcas do Baixo Miño, O Salnés e Betanzos.

A vindeira semana iniciaranse estas tarefas de limpeza, concretamente, nas vías de alta capacidade CG-4.2, entre Tomiño e A Guarda; na Vía de Alta Capacidade VG-4.3, que comunica Cambados e Vilagarcía; e na estrada AC-542, ao seu paso polo municipio coruñés de Betanzos.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses estas tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público de máis de 30 vías autonómicas das catro provincias para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

Estas intervencións continuarán tamén durante a vindeira semana nas marxes da vía de alta capacidade PO-010, que une a autoestrada de circunvalación de Vigo VG-20, no lugar de Balsa, co Polígono industrial de Balaídos. Estes traballos iniciáronse xa hai dúas semanas.

En paralelo, séguese coas tarefas en marcha en distintas estradas autonómicas das provincias de Lugo e de Ourense e das comarcas de Ferrol e da Costa da Morte.

Deste xeito, séguese a traballar na vía de alta capacidade CG-2.2, en Lugo e no Corgo; na estrada LU-862, entre O Vicedo e Viveiro; e na provincia de Ourense continúanse coas tarefas na estrada OU-404, en Cartelle.

Tamén seguen as limpezas na vía de alta capacidade VG-1.2, na comarca de Ferrol, en Ares e Mugardos; e na estrada autonómica AC-432, no municipio de Vimianzo, na Costa da Morte.

As tarefas que se veñen realizando céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.

Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.

As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.