Marta Fernández-Tapias inaugura na sala de exposicións da Delegación da Xunta en Vigo a exposición itinerante de Adicam

A mostra, que se desenvolverá ata o vindeiro 31 de outubro, está composta por 22 acuarelas ao óleo e debuxos a carboncillo que exaltan a figura da muller

Todas as pezas expostas pertencen aos fondos propios da asociación e en moitas delas converxe a temática do cancro de mama que se conmemora este mes

Vigo, 2 de outubro de 2020

A planta baixa da Delegación Territorial da Xunta en Vigo acollerá ata o vindeiro 31 de outubro a exposición itinerante da Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama e xinecolóxico (Adicam). Unha mostra que este mediodía era inaugurada pola delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

A representante autonómica celebrou que a asociación elixira a sede do Goberno autonómico na cidade para expoñer os fondos que compoñen a súa colección, coincidindo co Mes Internacional do Cancro de Mama, e así llo agradeceu á presidenta e vicepresidenta de Adicam, Olga Sotelo e Pilar Araújo, presentes no acto.

Asemade, Marta Fernández-Tapias aproveitou a oportunidade para loar o traballo desenvolvido por esta asociación desde o ano 2000, “a vosa loita é nosa”, dixo, en clara referencia ao obxectivo común de fomentar o desenvolvemento do apoio social e a axuda mutua para conseguir que as mulleres afectadas polo cancro de mama teñan unha mellor calidade de vida e benestar.

A mostra que desde hoxe colga das paredes da zona de exposicións da Delegación Territorial a configuran 22 acuarelas ao óleo e debuxos a carboncillo que exaltan a figura da muller. Todas as pezas pertencen á colección propia de Adicam, composta polos primeiros premios do certame de pintura que anualmente celebra a asociación así como diversas doazóns, coa muller como figura principal. Nalgunhas delas converxe a temática do cancro de mama.

Esta exposición súmase así ás múltiples mostras de artistas e colectivos que xa se realizaron na planta baixa do edificio administrativo do Goberno galego, así coma aos cursos e xornadas que se desenvolven no salón de actos ou a organización de actividades culturais e mesas solidarias. Sempre co obxectivo de abrir o edificio administrativo á participación dos cidadáns.

Cómpre lembrar ademais que as instalacións da Delegación Territorial –o salón de actos e a zona de exposicións- están dispoñibles para que todos os colectivos e asociacións parroquiais da cidade acheguen as súas actividades culturais e sociais aos cidadáns, co obxectivo de que transcendan máis aló do seu propio ámbito parroquial e todos os vigueses e viguesas poidan coñecelas.

Imaxes relacionadas