Unha axuda do programa de mellora das reservas da biosfera convocada por Medio Ambiente permitiu a restauración do ecosistema fluvial e do bosque de Ribeira no río Xarío en Miño

A conselleira Ángeles Vázquez visitou esta mañá esta actuación neste concello coruñés, que se beneficiou dunha axuda de case 60.000 euros ao abeiro das convocatorias deste programa de potenciación e posta en valor deste tipo de espazos

En total 28 concellos localizados nunha das cinco reservas da biosfera que hai declaradas en Galicia recibiron no actual exercicio unha axuda para a execución de traballos e proxectos de mellora, que suman un importe global de case 570.000 euros

Miño (A Coruña), 2 de outubro de 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda convocou unha liña de axudas específica para potenciar e poñer en valor os espazos naturais das cinco reservas da biosfera, declaradas na Comunidade galega. Deste xeito, unha subvención concedida ao Concello de Miño permitiu colaborar na restauración e conservación do ecosistema fluvial e na potenciación do bosque de ribeira no tramo final do río Xarío.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá esta actuación para mellorar as condicións ecolóxicas, ambientais e paisaxísticas desta zona que se ubica na Enseada de Bañobre, ao final da desembocadura do río, e que recibiu un importe de case 60.000 euros ao abeiro das convocatorias realizadas polo seu departamento.

No caso concreto de Miño, o proxecto inclúe a eliminación de especies exóticas invasoras e a restauración da vexetación característica, que poñen en valor a recuperación de case 1.400 metros de sendas vencelladas ao río e que, nunha segunda fase, se actuará noutros case dous quilómetros de sendas para garantir un acceso responsable dos veciños e visitantes a esta contorna natural.

Sinalou que o Goberno galego é consciente da importancia destes espazos naturais, polo que deseñou unha liña de axudas, que xa leva dúas convocatorias, para implicar aos concellos na conservación e protección destes espazos. Na segunda das convocatorias, a de 2020, un total de 28 concellos se beneficiaron destas axudas, que suman un importe global de case 570.000 euros.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destacou que os investimentos realizados para protexer este patrimonio natural dos concellos que se localizan nunha das cinco reservas da biosfera de Galicia é un xeito de revitalizar o seu atractivo, conseguindo espazos naturais máis sostibles.

Por último, engadiu que Galicia é unha rexión que ofrece unha rica alternativa turística que brinda aos visitantes a oportunidade de realizar actividades ao aire libre, en espazos abertos e, polo tanto, con moitos puntos a favor neste contexto recente marcado polas precaucións sanitarias que se deben cumprir.

Imaxes relacionadas