A Xunta adxudica a redacción do proxecto de execución dunha glorieta na estrada autonómica AC-116 e dunha nova conexión co polígono empresarial río do Pozo, no concello de Narón

Este contrato foi adxudicado por un investimento de máis de 18.000 euros e ten un prazo de execución de 6 meses

Trátase de mellorar a seguridade viaria e a funcionalidade deste treito e ao tempo racionalizar o acceso desde a vía autonómica ao polígono industrial, dando unha alternativa ao tránsito pola estrada provincial DP-5408, con numerosas vivendas
 

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar a redacción do proxecto de execución dunha glorieta na estrada autonómica AC-116 e dunha nova conexión co polígono empresarial Río do Pozo, no concello de Narón.

Este contrato foi adxudicado á empresa Ingenia, actividades de ingeniería y obra civil, S.L.U., por un importe de máis de 18.000 euros. O prazo de execución dos traballos é de 6 meses.

O proxecto ten como obxectivo a mellora da seguridade viaria e da funcionalidade deste treito da AC-116, ao tempo que permitirá racionalizar o acceso desde a vía autonómica ao polígono empresarial, dando unha alternativa ao tránsito pola estrada provincial DP-5408, con numerosas vivendas.

A actuación a deseñar consiste na execución dunha glorieta no punto quilométrico 4+120 da AC-116, na súa intersección coa estrada provincial, que dá acceso, entre outros, ao polígono industrial Río do Pozo desde a estrada autonómica.

Proxectaranse tamén os 180 metros de vía de conexión co polígono empresarial, que comunicarán a estrada AC-116 coa autovía Ferrol-Vilalba a través do polígono Río do Pozo, mediante unha sección de estrada convencional.

Trátase de dar continuidade á vía, parcialmente executada a data de hoxe, de saída do polígono Río do Pozo-Sector IV, no seu vértice noroeste ata a conexión coa AC-116. Este treito está previsto no Plan Sectorial da Rede Viaria de Ferrol, Fene, Neda, Narón, Ares, Mugardos e Cabanas.

No proxecto avaliarase a posibilidade da execución dunha glorieta tamén nesta última conexión.