Galicia pecha agosto cunha mellor evolución que a media nacional con 1,4 millóns de pernoitas e máis de 500.000 viaxeiros

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) a caída da demanda en agosto na comunidade foi do 36,4% fronte ao 56,3% da media nacional

Os establecementos extrahoteleiros tiveron un mellor comportamento que os hoteleiros, o que permitiu a Galicia conter a caída xeralizada na demanda que se rexistrou en toda España

A Xunta destaca a evolución do turismo no mes de agosto en Galicia na situación actual e o traballo para reactivar o sector

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2020

Galicia recibiu no mes de agosto medio milleiro de viaxeiros (532.867) que fixeron un total de 1,4 millóns de pernoitas, o que supuxo que a demanda de aloxamento en Galicia resistise mellor que a media española, cunha diferencia de 20 puntos mellor que o conxunto do Estado, segundo os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). En concreto, o descenso da demanda hoteleira na comunidade situouse no 36,4% fronte ao 56,3% do conxunto do Estado.

Os establecementos extrahoteleiros galegos tiveron no mes pasado un mellor comportamento caendo nun 29,4% no número de viaxeiros e nun 26,2% nas noites, o que permitiu que no balance do conxunto do verán Galicia contivese a súa caída na demanda consolidando a súa mellor posición no proceso de recuperación do turismo.

Nesta mellor evolución fronte ao conxunto nacional e na comparativa con outras comunidades destaca o feito de que o 88% dos viaxeiros que chegan a Galicia é de procedencia nacional, fronte a un 12% estranxeiro, que perde peso no conxunto da demanda turística.

Plan de reactivación

Neste sentido, a Xunta destaca o bo traballo do sector turístico en Galicia nas circunstancias actuais marcadas pola covid-19 e a implicación do Goberno galego para a posta en marcha de medidas que permitan acelerar o proceso de recuperación do sector a través do Plan de Reactivación do sector cultural e turístico, que inclúe medidas como o programa Galicia Destino Seguro, dotado con 8M€ en distintas liñas de acción.

Imaxes relacionadas