A Xunta inicia os traballos de conservación e limpeza no treito interurbano do río Rons ao seu paso pola parroquia de Alba, en Pontevedra

As tarefas desenvólvense nun treito duns 300 metros do río no lugar de San Caetano e inclúen a retirada de árbores e pólas caídas na canle e roza selectiva en tramos con maleza

A Xunta mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos
 

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de iniciar os traballos de conservación e limpeza no treito interurbano do río Rons, na parroquia de Alba, no concello de Pontevedra.
Con esta actuación aténdese á solicitude trasladada polos veciños á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na súa recente visita ás obras da senda de Alba, que está executando a Xunta para reforzar a seguridade viaria de veciños e peregrinos cun investimento de preto de 700.00 euros.

Os traballos iniciados hoxe execútanse nun tramo deste río, ao longo duns 300 metros de lonxitude, coincidindo co seu percorrido polo lugar de San Caetano.

As actuacións céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta. Inclúese tamén a roza selectiva da maleza e a poda de brotes de arborado que ocultan a canle. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Estas accións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-sur.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.
 

Imaxes relacionadas