Alfonso Rueda mantén unha xuntanza con representantes dos colectivos Amigos do Camiño de Santiago coa vista posta na replanificación do Xacobeo 2021

O vicepresidente primeiro Alfonso Rueda, explicoulles que vai ser un Xacobeo adaptado aos novos tempos e descentralizado por toda a xeografía galega

A idea é levar a cabo centos de actos, máis pequenos estendidos por toda a comunidade

Pontevedra, 30 de setembro de 2020

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, mantivo esta tarde unha xuntanza con representantes das Asociacións e Fundacións de Amigos do Camiño de Santiago coa vista posta na readaptación do vindeiro Xacobeo 2021.

O vicepresidente primeiro, acompañado da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e da delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, explicoulles que a idea é ofrecer un novo Xacobeo adaptado aos novos tempos, descentralizado por toda a xeografía galega. Un Xacobeo con centos de actos mais pequenos pero coa premisa de estendelo Xacobeo por toda a comunidade.

Nesta liña, incidiu en que hai que “manter o espírito de que se pode peregrinar” pese á pandemia porque o Camiño é seguro, ao igual que os albergues públicos, que están a funcionar con tódalas medidas de prevención fronte á covid-19. Alfonso Rueda tamén sinalou a necesidade de apostar por un Xacobeo “máis pegado ao terreo” e que chegue a tódolos concellos galegos, non só polos que pasan as distintas rutas xacobeas, co obxectivo de que “toda Galicia participe e se sinta orgullosa deste fenómeno”, que suporá “unha oportunidade histórica” para reactivar o sector.

Ademais, indicou que agora é o momento de traballar xuntos, de procurar solucións polo que este tipo de xuntanzas son moi necesarias para poñer en común novas ideas e sobre todo para seguir traballando co mesmo obxectivo, que é acadar un Xacobeo excepcional.

Finalmente, Alfonso Rueda agradeceu aos representantes das diversas asociacións que asistiron á reunión de traballo, a súa total vocación, xa que son un dos puntais para que o Camiño siga sendo unha referencia para o turismo e tal como lles indicou para que sexan “os nosos ollos no Camiño”.

Imaxes relacionadas