Medio Ambiente estudará colaborar co Concello do Pereiro de Aguiar nun proxecto para rehabilitar tres núcleos do municipio

A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse esta tarde co rexedor Luis Menor para analizar varios asuntos de interese municipal en materia urbanística e de reciclaxe

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda analizará as posibilidades de colaborar co Concello do Pereiro de Aguiar nun proxecto municipal para acometer a rehabilitación de varios núcleos do municipio. Así o comprometeu esta tarde a conselleira Ángeles Vázquez durante unha xuntanza co alcalde Luis Menor, quen lle trasladou tamén outros asuntos de interese municipal en materia de residuos, de rehabilitación residencial e de dotación de solo industrial.

En concreto, o rexedor explicoulle que o Goberno local pretende levar a cabo a rehabilitación integral de dous núcleos históricos e un núcleo tradicional localizados no municipio, un proxecto para o que aspira a contar co apoio e a colaboración da Xunta.

Neste sentido, a conselleira lembrou que son varias as liñas de axudas para rehabilitar inmobles que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) pon cada ano a disposición dos concellos, e que existen figuras como as áreas de rehabilitación integral (ARI) pensadas especificamente para axudar a mobilizar fondos autonómicos e estatais para recuperar vivendas e edificios así como para acometer a urbanización das súas contornas.

Tamén en materia urbanística, o alcalde trasladoulle á conselleira os plans do consistorio para recuperar unha antiga área de esparexemento do concello ourensán co fin de revitalizala e poñela ao servizo da veciñanza, un proxecto na liña dos obxectivos que se marca o chamado Plan Hurbe da Consellería para apoiar ás entidades locais na execución de actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público.

Por último, tamén acordaron estudar as posibilidades de colaboración entre ambas administracións co fin de mellorar a recollida selectiva e a reciclaxe no municipio. De feito, Luis Menor trasladoulle que está pendente da resolución da convocatoria das axudas a entidades locais para a xestión de residuos 2020-2021, solicitada neste caso a través da Deputación de Ourense para financiar a implantación dun punto limpo móbil do que se beneficiaría o seu concello.

Imaxes relacionadas