A comisaria do Xacobeo 2021 presenta o II Festival Ateneo Barroco, o primeiro proxecto dentro da segunda edición de 'O teu Xacobeo'

O festival traerá a Compostela varios concertos de música barroca con intérpretes senlleiros neste eido

Cecilia Pereira destaca as posibilidades que ofrece esta actividade dentro da axenda cultural da capital compostelá

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2020

A cidade de Santiago acollerá a segunda edición do festival de música culta Ateneo Barroco grazas á súa inclusión en
‘O teu Xacobeo’, o programa da Xunta, de apoio ás actividades culturais e sociais que se desenvolven en Galicia ao abeiro da celebración do Ano Santo e o Camiño de Santiago.

Así, Ateneo Barroco abre a segunda edición de ‘O Teu Xacobeo’, “nun ano complicado”, como sinalou a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, na presentación deste ciclo de concertos e cuxa celebración sinalou como parte destacada xa da axenda anual de actividades culturais de Santiago de Compostela.

Pereira lembrou que este festival naceu precisamente da man de ‘O Teu Xacobeo’, un programa con propostas pequenas e grandes, “pero todas elas feitas desde a cidadanía, das asociacións e co fin de compartilas co público baixo un mesmo sentir, o sentir do Camiño de Santiago”.

Fomento da cultura

A comisaria do Xacobeo 2021 manifestou nesta presentación que para o Xacobeo é un acerto apoiar iniciativas que fomenten a cultura e, en concreto, un festival coma este que abre as portas ao outono , non só a través de concertos, senón tamén moi acertadamente con relatorios e proxeccións, “porque a música vai máis aló da propia música”.

Cecilia Pereira tamén destacou que este é un festival que comparte a multiplicidade, “un aspecto moi do Camiño de Santiago, pola conexión entre compositores galegos ou residentes en Galicia con outros doutros países, o que favorece o intercambio e o debate no marco da Ruta Xacobea”.

“O barroco é sinónimo de Compostela –engadiu a comisaria- e o peregrino que chega ao Obradoiro atopa ese impoñente perfil barroco que o conecta con esa época artística tan florecente e que todos admiramos hoxe”.

A segunda edición de Ateneo Barroco comezará o vindeiro día 5 de outubro cunha conferencia inaugural e traerá a Santiago de Compostela cinco concertos e relatorios sobre instrumentos e o ciclo cinema que se celebrarán en distintos espazos cedidos polo Concello e a Universidade.

Imaxes relacionadas