A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, María Luisa Piñeiro, realiza unha visita institucional a Cerdedo-Cotobade

A nova representante territorial analizou co alcalde desta localidade, Jorge Cubela, as obras en marcha neste municipio relativas á administración autonómica, así coma proxectos futuros como o novo polígono industrial

Pontevedra, 30 de setembro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, María Luisa Piñeiro Arcos, continúa coa rolda de visitas institucionais iniciadas a pasada semana, e hoxe mantivo un encontro co alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, con quen analizou as principais obras que se atopan en marcha no municipio en relación á actividade da administración autonómica así como proxectos futuros coma o novo polígono industrial de Monte Mocín.


Entre os principais temas que se analizaron durante o encontro, atopáronse obras como o proxecto de rehabilitación do antigo complexo termal dos Baños de San Xusto, que segundo apunto o rexedor, atópase en fase moi avanzada e que estará rematado en un par de meses, así como os traballos que se acaban de iniciar da segunda fase das vivendas de alugueiro social en Cerdedo nas antigas casas de mestres. Neste senso, Cubela destacou que neste concello contarase así con ata 30 vivendas sociais.


A nivel de infraestruturas, o rexedor trasladou a María Luisa Piñeiro os dous proxectos que quedan pendentes, tanto na estrada de Augasantas a Ponte Caldelas, como na estrada cara a Campo Lameiro. Tamén informou a delegada da intención do concello de poñer en marcha unha residencia de maiores no ámbito territorial de Cotobade, tendo en conta ademais que se está a executar a nova residencia tamén de Cerdedo.


Cuestións coma a revalorización dos bens culturais e medioambientais do concello a través de Turismo de Galicia e de Medio Rural, foron outros dos temas analizados durante este encontro, no que o alcalde de Cerdedo-Cotobade trasladou á nova delegada os seus parabéns polo nomeamento e destacou a figura municipalista de María Luisa Piñeiro.


Finalmente, ambos estudaron tamén a situación da tramitación do polígono de Monte Mocín, que permitirá dinamizar economicamente este municipio.
 

Imaxes relacionadas