Xunta e Deputación de Ourense manterán “maxima cooperación” con encontros mensuais para analizar as necesidades e proxectos da provincia

Ourense, 30 de setembro de 2020

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, reuniuse hoxe no Pazo Provincial co presidente da Deputación, José Manuel Baltar, para manter unha xuntanza de traballo na que acordaron manter a máxima cooperación e seguir fortalecendo a colaboración entre a administración autonómica e a administración provincial no territorio ourensán.

Así, como consecuencia desta colaboración os representantes de ambas as dúas administracións manterán xuntanzas de periodicidade mensual co obxectivo de intercambiar a información da que dispoñan ambas institucións sobre necesidades e proxectos de concellos e entidades que operan no territorio provincial. Con estes encontros periódicos, segundo o delegado territorial, “poderemos consensuar actuacións e evitar duplicidades de propostas, unificando criterios e esforzos”.

Gabriel Alén comparte con José Manuel Baltar o desexo de iniciar unha etapa de “absoluta cooperación”entre ambas as dúas administracións en beneficio e benestar da veciñanza e co obxectivo de mellorar a calidade dos servizos públicos prestados.

Imaxes relacionadas