A taxa de reciclaxe de envases lixeiros en Galicia increméntase nun 10% e supera a media nacional

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ofreceu esta mañá unha rolda de prensa para informar das cifras de recollida de envases lixeiros e papel-cartón en 2019, que nos últimos cinco anos se ten incrementado nun 30%

Cada galego separou case 13 quilos de envases lixeiros e case un quilo máis de papel-cartón ao longo do pasado ano, mantendo a tendencia rexistrada nos últimos anos de aumento progresivo

O esforzo da sociedade galega traduciuse en depositar nos máis de 50.000 contedores amarelos e azuis case 70.000 toneladas de ambos materiais ao longo do pasado ano

Medio Ambiente e Ecoembes renovaron o convenio de colaboración polo que se impulsan actuacións e actividades de sensibilización e concienciación, que están detrás dos datos de recollida que se rexistran en Galicia

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2020

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou esta mañá que a reciclaxe de envases lixeiros en Galicia incrementouse en 2019 nun 10% e supera a media nacional, fixada nun 9,1%. Esta foi unha das cifras avanzada esta mañá pola conselleira de Medio Ambiente na rolda de prensa sobre o balance de datos de reciclaxe de recollida selectiva en Galicia relativos a 2019, quen argumentou que se trata dunha clara mostra da tendencia ascendente que ano tras ano se vén rexistrando na Comunidade galega e que se traduce nun incremento dun 30%, nos últimos cinco anos

Ángeles Vázquez salientou que o incremento de reciclaxe de envases lixeiros, (un 10,1% con respecto ao ano anterior); implica que cada galego separou para a súa posterior reciclaxe 12,9 quilos de envases plásticos, metálicos e bricks ao ano.

Explicou que os datos relativos ao papel- cartón tamén son positivos, pois o incremento foi de 8,4% máis de en 2018, o que significa que cada cidadán se achegou a un contedor azul para depositar unha media anual de 13,9 quilos.

Así, á vista destes datos, o esforzo dos galegos en relación con este tipo de refugallos cuantifícase en case 70.000 toneladas depositadas ao longo de 2019 nos 50.818 contedores amarelos e azuis, case 3.200 puntos máis que en 2018.

A conselleira de Medio Ambiente destacou que á vista destes resultados poden extraerse dúas conclusións claras: que o traballo debe seguir avanzando nesa liña e que a preocupación da sociedade galega por conservar a contorna é maior, polo que cada vez máis galegos achegan o seu gran de área a este propósito, o coidado do medio ambiente.

Ángeles Vázquez tamén destacou que o éxito destas cifras son un aliciente para continuar coa colaboración que desde hai 20 anos se mantén con Ecoembes, que pasa por impulsar accións e actividades para sensibilizar e concienciar á sociedade sobe a importancia de coidar a contorna, o medio natural e a biodiversidade.

A conselleira explicou que non só se trata de facilitarlle aos veciños contedores nos que depositar este tipo de residuos, senón tamén se contou co sector Horeca (Hostalería, restauración e catering) que se sumaron á iniciativa de separar os seus envases; levouse esta mesma filosofía a case 700 feiras, feiróns e eventos gastroculturais, grazas á campaña Separa con xeito; se instalaron puntos de reciclaxe nos estadios deportivos; e se puxo en marcha a iniciativa Camiño da Reciclaxe, na que 222 albergues son embaixadores deste tipo de accións de educación ambiental.

Tamén destacou os beneficios que a reciclaxe deste tipo de refugallos reportan ao conxunto da sociedade, como evitar a emisión de toneladas de CO2 á atmosfera, o aforro metros cúbicos de auga, o consumo de megawatios/hora de enerxía e de toneladas de materias primas, así como un ingreso de 20 millóns de euros ao ano aos concellos adheridos ao programa de reciclaxe de Ecoembes.

Por último, indicou que no ano 2020 sumarase aos exercicios anteriores, nos que se rexistrou un incremento progresivo, polo que ao peche deste ano Galicia superará o incremento do 10% do ano 2019; sempre e cando a sociedade galega manteña os hábitos de reciclaxe que segundo os datos relativos ao primeiro semestre do actual ano están a ser positivos.

Imaxes relacionadas