O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a relación de empresas de transporte público beneficiarias dos 3,6 millóns de euros de anticipos cos que a Xunta achega liquidez ao sector

A medida ten por finalidade paliar o déficit financeiro por mor do estado de alarma pola covid-19 mentres continúa sen materializarse o fondo de compensación anunciado polo Goberno de España

A contía percibida polas concesións equivale á media do 10% da recadación anual de cada contrato, en compensación pola perda de ingresos na venda de billetes

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destina a estes anticipos fondos dispoñibles do Transporte Metropolitano, que rexistrou un importante descenso de viaxes polas restricións da mobilidade

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2020

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a relación de empresas de transporte público beneficiarias dos 3,6 millóns de euros de anticipos cos que Xunta achega liquidez ao sector. A medida ten por finalidade aliviar a situación económica causada nas empresas de transporte de viaxeiros polas restricións da mobilidade durante o estado de alarma mentres continúa sen materializarse o fondo de compensación para o transporte público anunciado polo Goberno de España.

Este anticipos fixéronse efectivos, cun investimento da Xunta superior aos 3,62 millóns de euros, co obxectivo de compensar o déficit de ingresos das concesionarias do servizo de transporte público interurbano entre o 14 de marzo e o 20 de xuño de 2020, período durante o que se prolongou o estado de alarma.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse o detalle da contía dos anticipos percibidos polas empresas, que equivale a unha media do 10% da recadación anual de cada contrato: https://xurl.es/98ab1

Esta iniciativa da Xunta impulsouse para dar facilidades ás empresas e contribuír a paliar a situación financeira das concesións de transporte cuxo principal ingreso a través da venda de billetes, viuse minorado pola abrupta caída da demanda.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, destinou a estes anticipos os fondos dispoñibles polo descenso do uso do Transporte Metropolitano como consecuencia das restricións nos desprazamentos derivadas da declaración do estado de alarma.