A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, María Luisa Piñeiro, realiza unha visita institucional ao concello da Estrada

A nova representante territorial analizou co alcalde desta localidade, José López, os temas relacionados coa administración autonómica, centrados na posta en marcha do novo centro de saúde, o avance na tramitación da nova autovía e a adecuación dos centros educativos a actual situación covid

Pontevedra, 29 de setembro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, María Luisa Piñeiro Arco, continúa coa rolda de visitas institucionais iniciadas a pasada semana, e hoxe mantivo hoxe un encontro co alcalde da Estrada, José López, con quen analizou a situación das obras postas en marcha no concello en colaboración coa administración autonómica e as principais demandas futuras.

Neste senso, ambos responsables políticos analizaron as necesidades do concello en relación a temas educativos, sanitarios e de política social, “que son nesta época os máis demandados polos veciños pola situación do Covid-19 que estamos a atravesar”, explicou Piñeiro Arco.

Tanto María Luisa Piñeiro como José López destacaron a próxima posta en marcha do novo centro de saúde da localidade, “que agardamos sexa xa para o próximo mes, aínda que estamos pendentes da acometida da instalación eléctrica así como da instalación do mobiliario”.

En relación aos temas educativos, analizouse a situación do IES Antón Losada e o traslado dos módulos de FP de Madeira e Automoción aos pavillóns da Fundación do Moble, “que xa é unha realidade e que permitirá que nos próximos días póidanse iniciar as clases xa con total normalidade”, explicou a delegada territorial. Tamén se falou das obras da cuberta do CEIP do Toxo, así como das melloras en patios e espazos interiores dos distintos colexios para adecuarse aos protocolos de seguridade sanitaria nesta época de Covid-19.
Para o alcalde da localidade, a figura de delegada territorial da Xunta é especialmente importante xa que se facilita a coordinación entre os concellos e a administración autonómica, e neste senso, cabe destacar “coma un acerto”, que se elixira a unha muller e ademais, unha muller que foi alcaldesa dun concello do rural.

Finalmente, entre os temas que se trataron hoxe atópase o avance na tramitación da autovía que unirá A Estrada con Santiago de Compostela. Neste senso, ambos destacaron a boa nova que supón que o próximo mes de outubro a Consellería de Infraestruturas xa poida poñer a exposición pública o novo trazado, o que permitirá que os prazos poidan avanzar de cara a súa futura licitación a finais do 2021.
 

Imaxes relacionadas