A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, María Luisa Piñeiro, realiza unha visita institucional a Bueu

A nova representante territorial analizou co alcalde desta localidade, Félix Juncal, as demandas deste municipio relativas á administración autonómica, centradas especialmente nas infraestruturas, o saneamento e en proxectos futuros como a posible execución dun auditorio

Pontevedra, 29 de setembro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, María Luisa Piñeiro Arco, continúa coa rolda de visitas institucionais iniciadas a pasada semana, e hoxe mantivo un encontro co alcalde de Bueu, Félix Juncal, con quen analizou as principais preocupacións do municipio en relación á actividade da administración autonómica.
Entre os principais temas que se analizaron durante o encontro, atopáronse necesidades de mellora de saneamentos e depuración, en especial, en relación coa eliminación de vertidos concretos á ría, así como a situación de diversas obras de seguridade viaria, en especial, na PO-551 e PO-315.

Neste senso, María Luisa Piñeiro destacou o avance das obras de da rotonda no acceso á praia de Lapamán, na PO-551, que conta cun orzamento de 935.000 euros e que permitirá mellorar á accesibilidade a este areal así como garantir a seguridade viaria, xa que tamén supón completar a senda dende o remate do termo municipal de Marín ata esta praia. Sobre esta cuestión, tanto a delegada da Xunta en Pontevedra como o alcalde de Bueu coincidiron na necesidade de continuar a traballar para mellorar outros tramos da estrada PO-551 de cara a seguir mellorando a seguridade viaria nun concello que ano a ano gaña en número de visitantes no verano.

De feito, segundo apuntou o rexedor, este ano o concello contou cun 10% máis de turistas que o ano anterior, en especial, de visitantes que alugaron vivendas para pasar a época estival.

Finalmente, durante a visita tamén se apuntou a necesidade que ten a vila de contar cun auditorio de maiores dimensións que sexa espazo multiusos, para o que solicitou a colaboración da Xunta de Galicia.

Félix Juncal agradeceu á nova delegada que a súa visita ao concello e felicitouna polo seu nomeamento, destacando o seu carácter municipalista como anterior alcaldesa de Moraña, e recordando a figura do anterior delegado da Xunta de Galicia, José Manuel Cores Tourís, de quen destacou a súa colaboración e talante dialogante.

Imaxes relacionadas