A Xunta destina 40.000 euros á reforma e dotación de equipamentos de varios espazos do centro social de Padrón

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou as actuacións levadas a cabo no municipio ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público

O Goberno galego leva destinados ao municipio arredor de 520.000 euros nos últimos anos

Alfonso Rueda destacou a necesidade de colaborar coas entidades locais en iniciativas que repercutan na cidadanía, en especial nestes momentos marcados polas consecuencias da crise sanitaria da covid-19

Padrón (A Coruña), 29 de setembro de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou esta mañá xunto co alcalde de Padrón, Antonio Fernández, o centro social de Padrón, ao que a Xunta destinou este ano arredor de 40.000 euros para acondicionar varios espazos ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público. Á visita tamén acudiu a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto.

A Administración autonómica colabora co concello na reforma das instalacións da planta baixa que acollerá unha sala de usos múltiples destinada a accións formativas, ademais da renovación do revestimento das paredes, luminarias, telóns e cortinas do auditorio situado na planta primeira do inmoble.

O vicepresidente primeiro da Xunta destacou a importancia da colaboración cos concellos para atender as súas necesidades, sobre todo no actual escenario marcado polas consecuencias derivadas pola covid-19, o que dificulta aínda máis ás entidades locais levar a cabo en solitario estas actuacións. Nesta liña, incidiu en que a Xunta mantén un diálogo fluído cos concellos galegos, en tanto que son a administración máis próxima a cidadanía, co obxectivo de traballar de xeito coordinado en proxectos que redunden directamente no benestar da veciñanza.

Alfonso Rueda incidiu na necesidade de levar a cabo “pequenas actuacións” coma estas seleccionadas polos gobernos municipais que son os que “mellor coñecen as necesidades da cidadanía” e coas que moitos veciños saen beneficiados.

Por outra banda, fixo referencia á proposta do alcalde para adecuar a Casa dos Capeláns para acoller aos peregrinos do Camiño de Santiago. O vicepresidente primeiro da Xunta sinalou que o Goberno galego traballará no acondicionamento das instalacións nos lugares polos que pasan as rutas xacobeas, como é o caso de Padrón, co obxectivo de “contar cun gran Xacobeo pese as circunstancias actuais e que o Camiño poida recuperar o seu esplendor”.

O concello de Padrón leva recibidos nos últimos anos arredor de 520.000 euros a través de distintas liñas de axudas da Xunta, un investimento dirixido en gran parte á adquisición de equipamentos para labores de protección de medio ambiente, no marco do Fondo de Compensación Ambiental.

Orde Infraestruturas uso público

A través da liña de subvencións para infraestruturas de uso público coa que se financian as actuacións do centro social de Padrón, a Xunta tamén colaborou co concello nos últimos anos na pavimentación de varias rúas e na dotación de equipamento informático para as dependencias municipais. O Goberno galego vén apoiando desde 2009 aos municipios galegos na mellora das dotacións existentes de infraestruturas básicas e na creación reforma dos servizos municipais. A convocatoria para este ano conta cun orzamento de catro millóns de euros, o que supón un incremento dun millón de euros máis respecto ao ano anterior.

Imaxes relacionadas