Gonzalo Trenor lamentou que o delegado do Goberno minimice o problema das ocupacións ilegais e siga sen responder á solicitude de reunión da conselleira de Medio Ambiente

O delegado da Xunta na Coruña lembrou que a Conselleira de Medio Ambiente solicitou hai 11 días un encontro de traballo dada a maior inquedanza dos veciños sobre as ocupacións

A Coruña, 29 de setembro de 2020

O novo delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, lamentou, esta mañá, en declaracións a unha emisora de radio, que o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, minimice a problemática das ocupacións ilegais. Neste senso, recalcou que “A Coruña é a cidade con máis incidencia e que estamos a falar un problema de orden público e de seguridade que xenera inquietude social e inseguridade xurídica”. Esta realidade tamén a constatan as comunidades de veciños, que reclaman unha intervención por parte do Estado, como administración competente.

Trenor puntualizou que “un cargo público que conta con seguridade persoal pode que non estea moi preocupado por este problema pero hai moitos cidadáns preocupados e o que debería facer o delegado do Goberno, en vez de dar información confusa, a súa obriga é defender os intereses de todos os galegos”.

Nesta liña, lembrou que Javier Losada segue sen responder á petición da Conselleira de Medio Ambiente, Anxeles Vázquez, de reunión para abordar conxuntamente o problema das ocupacións. “Hai once días que esta Consellería solicitou un encontro e seguimos esperando que o delegado do Goberno responda”, puntualizou o representante do Goberno autonómico.

Gonzalo Trenor apuntou que a Xunta ten claro que o que se debe facer, en primeiro lugar, o Goberno é endurecer as penas; polo que é necesario un marco xurídico duradeiro, eficaz e definido que sirva para disuadir do delito e eliminar a sensación de impunidade entre os veciños e á vez, garanta axilidade nos procedementos xudiciais cuxo fin é devolver os inmobles ocupados aos seus propietarios.

Outras medidas que propón a Xunta son que as comunidades de propietarios poidan instar ao desaloxo e que se establezan medidas cautelares nas primeiras horas da ocupación ilegal.

Sinalou que a recente decisión da Fiscalía de ditar unha instrución clara e común para o conxunto do Estado coa que unificar os criterios de actuación fronte ás ocupacións en todo o país é un paso importante pero insuficiente por si soa.

Por iso, recalcou que “é o momento de que o delegado do Goberno deixe de minimizar e encubrir as decisións do Goberno central cando son lesivas para a nosa comunidade”