A Xunta e Farmamundi colaboran nunha iniciativa destinada a paliar os efectos da covid-19 no Líbano

Arredor de 1.750 persoas das zonas máis desfavorecidas do país e as que foron afectadas polas explosións na cidade de Beirut o pasado agosto recibirán cestas de alimentos e kits de hixiene

O Goberno galego e a ONGD Farmamundi veñen colaborando en distintas actuacións para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano
 

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2020

A Xunta de Galicia, en colaboración coa ONGD Farmamundi, vén de activar o convenio de colaboración entre ambas entidades para actuar ante emerxencias humanitarias, co obxectivo de levar a cabo unha intervención de prevención e resposta á crise sanitaria do coronavirus no Líbano. En concreto, na cidade de Beirut, onde se produciron dúas explosións o pasado 4 de agosto, o que agravou os efectos da pandemia entre as persoas afectadas e limitou o acceso a alimentos e hixiene.

A intervención enmárcase no convenio entre a Xunta e Farmamundi, dotado con 50.000 euros, e terá un custo de 6.000 euros. Entre as actividades previstas, prevese a distribución de cestas e kits e hixiene entre a poboación dos barrios máis desfavorecidos como Karantina ou Bour Hamoud, así como nas bolsas de pobreza de Achrafieh, que foron afectadas polas explosións.

Deste xeito a actuación chegará a un mínimo de 350 fogares, o que supón arredor de 1.750 persoas. Na súa selección priorizaranse as unidades de convivencia en situación de maior vulnerabilidade, con maiores restricións de acceso a bens de primeira necesidade e con máis presenza de menores e mulleres embarazadas ou persoas con discapacidade e, por tanto, con maior risco de padecer algún tipo de enfermidade.

A iniciativa levarase a cabo por parte da ONGD Farmamundi xunto cos seus socios locais do organización Mada que, ao mesmo tempo, pertence ao Foro Humanitario e de Desenvolvemento do Líbano, desde o que se comparte información actualizada semanalmente co obxectivo de avaliar e mellorar a atención das necesidades de cada zona.

A Xunta decidiu activar este convenio, tendo en conta que a emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus está a ter un gran impacto na poboación libanesa e refuxiada, debido a que co parón da actividade económica máis da metade da poboación perdeu a súa fonte de ingresos, dando lugar a unha situación de pobreza crítica. Ademais, O Líbano é o principal asentamento de persoas refuxiadas do mundo.

Colaboración desde 2009

Esta actuación súmase a outras que Xunta e Farmamundi realizan conxuntamente dende o ano 2009 no marco dos convenios de colaboración para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano.

O obxecto destes convenios é o de realizar as actuacións que ambas partes acorden, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).

O convenio de colaboración actívase cada vez que acontece unha emerxencia, previa negociación e solicitude por parte de Farmamundi. A activación destes convenios nos anos anteriores permitiu dar resposta inmediata e coordinada coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e o sistema das Nacións Unidas, a diferentes emerxencias acaecidas, entre elas: os tifóns Ketsana e Haiyan en Filipinas, o furacán Ida no Salvador, o terremoto e a epidemia de cólera en Haití, a crise humanitaria en Somalia e República Democrática do Congo, as emerxencias por causa da choivas no Salvador e Nicaragua, a crise alimentaria no Sahel ou o conflito en Siria e a situación en Palestina.