A Xunta incide na importancia da colaboración dos profesionais do turismo galego para contribuír á reactivación do sector

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta mañá no acto de conmemoración do Día Mundial do Turismo

A Administración autonómica apoia iniciativas innovadoras como a App para un turismo seguro, que permite que os participantes en visitas guiadas poidan escoitar as explicacións desde os seus móbiles mantendo a distancia de seguridade
 

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2020

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe, no acto conmemorativo do Día Mundial do Turismo que se celebra mañá, a importancia deste sector para a comunidade e a necesidade da colaboración entre os seus profesionais para poñer en marcha proxectos conxuntos que contribúan á reactivación do turismo.

O Día Mundial do Turismo deste ano está dedicado ao desenvolvemento rural e, nesta liña, Alfonso Rueda incidiu en que é preciso apostar por un novo modelo turístico sustentable e respectuoso coa contorna, como é o caso do turismo rural, que permite desfrutar de valores que distinguen a Galicia como destino turístico, tales como a gastronomía, a cultura ou a natureza, nun espazo seguro e sen aglomeracións. Tamén sinalou a capacidade do turismo, que en Galicia supón o 10% do PIB, para crear emprego e axudar na dinamización económica dos concellos.

O acto de hoxe serviu de agradecemento aos sectores que contaron cos Guías Oficiais de Turismo e para dar a coñecer varias liñas promovidas pola Xunta coas que apoiar ao sector. Desta forma, da colaboración entre o Goberno galego a través do Clúster TIC Galicia e a Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia (APITgalicia) xurdiu a App para un turismo seguro, unha solución innovadora coa que todos os participantes dunha visita guiada poden escoitar as explicacións dos guías desde unha distancia de seguridade sen ter que empregar e intercambiar dispositivos específicos.

O Goberno galego colabora a través dun convenio con APITgalicia no impulso da actividade dos guías turísticos, coa creación e adaptación de novos produtos neste sector tras a crise provocada pola covid-19 e mellorar a formación hixiénico-sanitaria dos profesionais da actividade. No marco deste acordo, inclúese o programa Descubre Galicia, que se presentou hoxe e ofrece aos axentes de viaxes bonos de patrocinio por ter contratado un guía oficial nas súas estancias en Galicia.
 

Imaxes relacionadas