As axudas ao alugueiro da Xunta pola covid-19 poderán solicitarse ata o próximo mércores 30 de setembro

A convocatoria publicouse a finais de maio para axudar co pago da renda da vivenda habitual a persoas en situación de vulnerabilidade polo coronavirus

O importe da subvención, cunha duración máxima de seis meses, poderá chegar ata os 500 euros mensuais, sen superar en ningún caso o custo do alugueiro

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2020

As axudas ao alugueiro convocadas pola Xunta o pasado mes de maio para apoiar ás persoas en situación de vulnerabilidade como consecuencia da Covid-19 poderán solicitarse aínda ata o vindeiro mércores, 30 de setembro.

Cómpre lembrar que os beneficiarios destas axudas recibirán ata 500 euros durante o período que acrediten estar en situación de vulnerabilidade e por un máximo de seis meses. A axuda poderá concederse con efectos retroactivos desde o pasado mes de abril e non se concederá máis aló de decembro de 2020. En todo caso, o importe concedido non poderá superar nunca a renda mensual establecida no contrato de alugueiro.

As solicitudes presentaranse preferentemente por medios telemáticos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, onde está dispoñible o formulario correspondente. Os interesados deberán facer constar na mesma a data desde a que está en situación de vulnerabilidade, os seus ingresos netos e o importe da renda, os gastos de subministracións do mes anterior á solicitude e a composición e os ingresos da unidade familiar.

Xunto coa solicitude tamén deberá presentarse obrigatoriamente a seguinte documentación:

• Contrato de alugamento da vivenda.
• Extractos ou certificados bancarios, acreditativos do pagamento das últimas tres mensualidades da renda do contrato anteriores ao primeiro mes para o que se solicita a axuda.
• Documentación acreditativa do número de conta bancaria da persoa arrendador, no caso de non constar nos dous documentos anteriores
• De ser o caso, solicitude da axuda transitoria de financiamento (préstamo ICO).
• Declaración responsable das persoas integrantes da unidade de familiar
• Documentación acreditativa dos ingresos do solicitante e a unidade familiar correspondentes ao mes anterior ao da presentación da solicitude.
• Documentación acreditativa dos gastos e subministracións básicos da vivenda habitual relativos ao mes anterior ao da presentación da solicitude.

No caso de que o beneficiario obtivese un préstamo ICO para o pago do alugueiro, ao amparo das axudas transitorias de financiamento, a subvención destinarase á amortización do devandito préstamo. No resto dos casos será abonada directamente polo IGVS ao propietario da vivenda.

Beneficiarios

Poderán beneficiarse destas axudas ao alugueiro as persoas titulares dun contrato de alugueiro de vivenda habitual que se atopen en situación de vulnerabilidade a consecuencia de estar en desemprego, ERTE ou redución de xornada como consecuencia da Covid-19. Estas circunstancias deberán ter causado unha redución substancial de ingresos ao mesmo tempo que o custo do alugueiro e os subministros básicos da vivenda supoñan unha parte importante dos mesmos.

Concretamente, o beneficiario deberá ter rexistrado unha redución substancial dos seus ingresos, de maneira que os ingresos conxuntos de todos os membros da unidade familiar non superen, con carácter xeral, tres veces o Iprem, é dicir, 1.613,52 euros ao mes.

No caso de que algún membro da unidade familiar teña unha discapacidade igual ou superior ao 33%, estea en situación de dependencia ou padeza unha enfermidade que o incapacite para o traballo, o límite máximo de ingresos será de catro veces o Iprem (2.151,36 euros). Finalmente, se o arrendatario da vivenda ten discapacidade intelectual igual ou superior ao 33% ou física superior ao 65%, ou padece determinadas enfermidades, o límite máximo será de cinco veces o Iprem (2.689,20 euros ao mes).

Estes ingresos máximos incrementaranse en 0,1 veces o Iprem por cada fillo ou persoa maior de 65 anos integrante da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase 0,15 veces o Iprem por cada fillo.

Outros requisitos

Polo que respecta ao custo do alugueiro da vivenda e os subministros básicos para a mesma (auga corrente, electricidade, gas, gasóleo para calefacción, servizos de telecomunicación fixa e móbil e posibles contribucións á comunidade de propietarios) deberán ser iguais ou superiores ao 35% dos ingresos netos mensuais que perciba o conxunto de membros da unidade familiar.

Ademais, é requisito para a concesión da axuda que ningún membro da unidade familiar sexa propietaria ou usufrutuaria de algunha vivenda en España, excepto se acreditan a non dispoñibilidade da mesma por causa de separación ou divorcio, por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade do seu titular ou de algunha das persoas que conforman a unidade de convivencia.

Tampouco está permitido que algún membro da unidade familiar teña parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa arrendadora da vivenda ou sexa socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora.

Imaxes relacionadas