Alfonso Rueda destaca os datos de ocupación turística deste verán cunha afluencia 24 puntos mellor que o conxunto de España

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou o Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, xunto co deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez

Alfonso Rueda reiterou a importancia do Xacobeo 2021 como unha oportunidade única para a proxección exterior de Galicia, de maneira que se buscarán e potenciarán proxectos que se prolonguen no tempo

Desde a reapertura dos albergues o 1 de xullo, entregáronse en Santiago arredor de 40.000 compostelas

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que Galicia mantivo este verán unha mellor ocupación turística que o resto de comunidades, cun diferencial de 24 puntos mellor que o conxunto do Estado e situándose como a quinta autonomía con máis visitantes. Así, en xullo o número de pernoctacións caeu en España un 73% en xullo e un 64% en España, mentres que a redución en Galicia foi dun 51% e un 40% respectivamente.

Alfonso Rueda, acompañado da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou o Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, xunto co deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez; onde indicou a importancia do Xacobeo 2021 como unha oportunidade única para a proxección exterior de Galicia, de maneira que se buscarán e potenciarán proxectos que se prolonguen no tempo, coa premisa de facer moitos mais actos espallados por toda a xeografía galega.

“A importancia que ten o Camiño de Santiago para a reactivación do turismo é indudable e proba diso é que dende que se reabriron os albergues o 1 de xullo entregáronse en Santiago preto de 40.000 compostelas”, indicou o titular da Vicepresidencia primeira.

Alfonso Rueda lembrou que se porá en marcha o Plan estratéxico da Década Xacobea, unha folla de ruta a seguir para aproveitar o máximo a oportunidade de ter tres Anos Santos nunha década. E tamén que a adaptación do turismo aos novos tempos e a recuperación da súa actividade enmarcase nunha articulación integral do sector turístico galego, nun apoio constante á innovación na promoción da desestacionalización do sector, así como ao impulso do Camiño de Santiago e á reformulación do Xacobeo 2021.

Imaxes relacionadas