A Xunta realizará novas actuacións de limpeza e conservación do Castro de Santa María de Cervantes
Avanzouno hoxe a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua, na Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento
O Goberno galego estuda ademais outras actuacións como a realización de novas escavacións para afondar no coñecemento científico do xacemento
O conxunto, declarado BIC pola Xunta hai un ano, está integrado, ademais de polo poboado castrexo, por unha necrópole que se remonta cando menos ao século XIV
A Xunta realizará novas actuacións de limpeza, conservación e consolidación no Castro de Santa María de Cervantes. Avanzouno hoxe a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua, nunha intervención Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento galego na que puntualizou que os traballos comezarán na primeira semana de outubro e terán un prazo de execución de tres meses.
En concreto, detallou que estes traballos permitirán a restauración da área escavada coa finalidade de favorecer a súa visita e posta en valor. Entre as actuacións que se acometerán destacan os traballos de limpeza e roza do conxunto e do xacemento arqueolóxico, así como tarefas de conservación e consolidación de muros, pavimentos e outras estruturas nunha superficie aproximada de 700 metros cadrados. Do mesmo xeito, instalarase un panel informativo das características do xacemento, realizaranse accións de difusión dirixidas tanto á veciñanza da zona como á comunidade científica e interesada no patrimonio cultural galego.
A responsable de Patrimonio Cultural do Goberno galego explicou que, xunto con esta actuación, o seu departamento traballa noutras actuacións futuras na zona entre as que destaca a realización de novas escavacións arqueolóxicas que permitan afondar no coñecemento científico do xacemento e aumentar a área de visita.
Poboado dos séculos I e II
O castro de Santa María de Cervantes, declarado Ben de Interese Cultural en outubro do 2019, é un poboado castrexo romanizado de funcionalidade fundamentalmente mineira, datado nos séculos I e II da nosa era. O conxunto está integrado, ademais, por unha igrexa, unha necrópole medieval que se remonta cando menos ao século XIV e por importantes restos de explotacións mineiras auríferas de época romana na súa contorna inmediata.
Precisamente, de cara á súa declaración como BIC, a Xunta promoveu na zona traballos de prospección arqueolóxica e documentación para a súa delimitación que acreditan os valores culturais sobranceiros da zona arqueolóxica do Castro de Cervantes, en especial o seu valor no proceso de transición das culturas prerromanas ao mundo romano.