Medio Ambiente licita por case 80.000 euros as obras de humanización de varias rúas de Xunqueira de Espadañedo

A plataforma de contratación da Xunta vén de facer pública este contrato, ao que se poden presentar ofertas ata o 14 de outubro

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de licitar por un importe de case 80.000 euros, IVE incluído, as obras de humanización de varias rúas do Concello de Xunqueira de Espadañedo.

A actuación ten por obxectivo pavimentar varios camiños públicos municipais, dado o mal estado que presentan na actualidade cunha rega asfáltica deteriorada; así como mellorar a infraestrutura de drenaxe, tal e como sucede no núcleo do Barrio, no que é necesario arranxar o drenaxe transversal para evitar o deterioro do camiño.

Os traballos, que se levarán a cabo en catro puntos distintos do concello: en Xunqueira-Barrio, na Graña, na rúa Pardeconde e na de Reboreda, consistirán na demolición do pavimento asfáltico ou do formigón, demolición de muros e construción ou reconstrución dos mesmos e no recheo do firme.

Esta actuación ten por finalidade para apoiar ás entidades locais na execución de actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público.

Na Plataforma de contratos públicos de Galicia pódese ampliar a información relativa a esta licitación, cuxo prazo para a presentación de ofertas se pecha o vindeiro 14 de outubro.