A Xunta recibe 10 ofertas para redactar o Plan director de saneamento de Betanzos cun investimento de 433.000 euros

Para acometer estes traballos, cun prazo de 14 meses, presentáronse un total de 14 empresas, xa que algunhas concorreron en UTE

Este contrato permitirá acadar un coñecemento real das carencias da rede e definir as actuacións que solucionen os problemas detectados en tempo seco e de chuvia

Para elaborar o plan, realizarase un inventario do sistema, unha campaña de aforos de caudal e as analíticas dos efluentes, entre outros traballos de campo

A partir desta información, planificaranse as actuacións para dotar o Concello de Betanzos dun sistema de saneamento que responda ás necesidades dos veciños

A Xunta vén achegando apoio técnico e financeiro aos municipios para que poidan prestar de forma eficiente o saneamento e o abastecemento, de competencia local

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibe un total de 10 ofertas para redactar o Plan director de saneamento de Betanzos por importe de 433.000 euros.

En total, son 14 as empresas que presentaron as súas ofertas, xa que catro delas concorreron en UTE. O prazo para a execución dos traballos é de 14 meses.

O contrato ten como obxectivo proporcionar o apoio técnico necesario para redactar un plan que achegue un coñecemento real das carencias do sistema de saneamento desta vila.

O plan definirá as diferentes actuacións destinadas a solucionar dun xeito definitivo os problemas do saneamento de augas residuais, tanto en tempo seco coma de chuvia.

Este plan virá resolver as deficiencias da actual rede, que é unitaria e conta no núcleo urbano con conducións antigas e deterioradas.

Ademais, a depuradora precisa ser adaptada ao efluente realmente xerado e xestionado no sistema de saneamento, así coma ás prescricións legais do medio receptor.

Esta actuación cofinanciarase a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) nun 80%, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-220.

Elaboración do plan

Para elaborar este plan, o adxudicatario do servizo deberá realizar un inventario do sistema, coa localización dos puntos de vertido ao dominio público ou a identificación de zonas marisqueiras, de baño ou de especial protección ambiental.

Tamén se elaborará unha campaña de aforos de caudal e as analíticas dos efluentes, así como un modelo numérico da rede. O documento incluirá o impacto dos alivios e vertidos.

A partir da recompilación desta información, planificaranse as actuacións a executar para dotar o Concello de Betanzos dun sistema de saneamento eficiente que responda ás necesidades dos veciños.

O Goberno galego continúa achegando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.