Miranda retoma a actividade ao fronte da Secretaría Xeral da Emigración cunha reunión telemática cos representantes dos galegos do exterior en América

O titular do departamento autonómico, acompañado polo delegado da Xunta na Arxentina, Alejandro López Dobarro, repasou a situación dos principais países do Novo Continente con maior presenza galega, entre os que se atopan algúns dos máis afectados polo coronavirus

Responsables de centros galegos da Arxentina, O Uruguai, Venezuela, O Brasil e Cuba expuxeron ao secretario xeral a súa realidade sanitaria e social

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2020

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado polo delegado da Xunta en Bos Aires e Montevideo, Alejandro López Dobarro, retomou esta tarde a súa axenda pública ao fronte do departamento autonómico cunha videoconferencia cos membros da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas en América, o órgano permanente de representación da colectividade galega no exterior. Responsables de centros galegos da Arxentina, O Uruguai, Venezuela, O Brasil e Cuba actualizaron a súa situación logo do avance da pandemia do coronavirus no continente, no que se atopan varios dos países máis castigados arestora polo covid-19.

O titular da Secretaría Xeral da Emigración, que tomou posesión do seu cargo o pasado luns para dar continuidade á súa xestión, que comezou en decembro de 2012, recibiu os parabéns dos representantes dos galegos no Novo Continente polo nomeamento, e lembroulles que “Galicia segue a estar ao voso carón nestes momentos tan difíciles, para entre todos poder superar esta crise e deixala atrás tan pronto as condicións o permitan”.

Trala renovación da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas en decembro de 2019, o órgano da emigración está integrado polo Centro Cultural y Deportivo Valle Miñor de Montevideo (O Uruguai), a Asociaçao Cultural Hispano-Galega Cabaleiros de Santiago de Salvador de Bahía (O Brasil), a Asociación Civil Hijos del Ayuntamiento de Zas de Bos Aires (A Arxentina) e a Sociedad Cultural Rosalía de Castro de La Habana (Cuba) por América. A estas entidades hai que engadirlles como membros natos do organismo a Casa de Galicia de Montevideo (O Uruguai) e a Hermandad Gallega de Venezuela (Caracas) por contar con máis de 20.000 socios.

Imaxes relacionadas