A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presidiu hoxe a Comisión de Seguimento do Plan de Transporte da Área de Santiago, na que están integrados 18 concellos e a Xunta

A Xunta propón un novo convenio do Plan de Transporte Metropolitano de Santiago, que permitiu que 85.700 veciños aforrasen máis de 17 millóns de euros nos seus desprazamentos

O convenio quere garantir a continuidade do Plan nos vindeiros 4 anos, cun investimento anual que rolda os 2 M€, dos que 1,7 M€ os achega a Xunta

Vázquez Mourelle destaca o aumento do 62% no uso do transporte público asociado ao Plan, que desde 2011 rexistrou 24 millóns de viaxes bonificadas

Sinala que actualmente uns 73.700 veciños da área empregan a tarxeta TMG nas viaxes cotiás, coa que acadan aforros que poden superar os 1.000 euros anuais

Indica que nesta contorna tamén hai máis de 12.000 mozos menores de 21 anos que viaxan de balde en autobús coa Tarxeta Xente Nova

Salienta que o novo Plan de Transporte Público, que culminará a finais de ano, inclúe melloras nas conexións de Bertamiráns e O Milladoiro con Santiago para facilitar o acceso ás áreas empresariais ou á universidade

Resalta que se creará unha liña circular entre o centro de Santiago e as parroquias de Teo e de Ames e se ampliarán as frecuencias desde Bertamiráns ao polígono Novo Milladoiro

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2020

A Xunta propón un novo convenio do Plan de Transporte Metropolitano de Santiago, que permitiu que 87.500 veciños aforrasen máis de 17 millóns de euros nos seus desprazamentos.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, presidiu hoxe unha nova xuntanza da Comisión de Seguimento do Plan de Transporte da Área de Santiago na que están integrados 18 concellos e a Xunta.

No encontro avaliouse o funcionamento deste plan social activado en decembro de 2010 e abordouse a proposta de convenio para garantir a súa continuidade nos vindeiros 4 anos, cun investimento conxunto anual que rolda os 2 M€, dos que 1,7 M€ os achega a Xunta.

Vázquez Mourelle destacou o éxito deste plan, grazas ao que se acadou un incremento de máis do 62 % no uso do transporte público. Detallou que en 2011 se realizaron 1,8 millóns de viaxes bonificadas e en 2019, 3 millóns, case un 4,8% de aumento con respecto ao ano anterior, 2018.

Subliñou que desde 2011 se realizaron un total de máis de 24 millóns de viaxes bonificadas ao abeiro do Plan de Transporte Metropolitano de Santiago.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade fixo fincapé no apoio ás familias, pois na actualidade hai 73.700 veciños da área de Santiago que empregan a Tarxeta de Transporte Metropolitano nos desprazamentos cotiáns, coa que acadan aforros que poden superar os 1.000 euros ao ano.

Precisou, ademais, que nesta contorna tamén hai máis de 12.000 mozos menores de 21 anos que viaxan de balde en autobús coa Tarxeta Xente Nova da Xunta.

Por exemplo, un viaxeiro habitual entre O Milladoiro e Santiago paga, sen tarxeta de Transporte Metropolitano, 1,55 euros no autobús interurbano máis 1 euro de urbano, é dicir, un mínimo de 2,55 no desprazamento de ida e o mesmo no de volta. Isto significa, contando os días laborables, un gasto mensual aproximado de 112 euros ao mes, é dicir, 1.344 euros ao ano. Se esa persoa paga esas viaxes con Tarxeta de Transporte Metropolitano, a viaxe desde Milladoiro custaralle 0,88 euros e a viaxe en urbano será gratis. Así, o gasto ao mes pasa a 33€ (tendo en conta o desconto por usuario recorrente) e o gasto anual baixa ata arredor de 400€, o que nos sitúa ante un aforro de case 1.000 euros ao ano en viaxes en autobús.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade explicou que todos estes beneficios son posibles grazas a unha achega económica que soporta de forma maioritaria a Xunta, que financia practicamente o 85% do Plan, fronte ao 15% que se reparte entre os 18 concellos.

A este respecto, concretou que o último ano completo liquidado, o Goberno galego achegou 1,7 millóns de euros e os municipios, en conxunto, 416.000 euros.

Máis cobertura do transporte público

Ethel Vázquez lembrou que desde a súa constitución, o Plan de Transporte Metropolitano foi incrementando as facilidades relacionadas co uso do transporte colectivo. Así, a reordenación das liñas de autobús interurbano está a multiplicar a cobertura coas modalidades de transporte compartido e baixo demanda.

Sinalou que esta transformación do mapa de transportes se culminará a finais de ano e suporá melloras nesta área, pois haberá optimizacións nas conexións de Bertamiráns e O Milladoiro con Santiago coa fin de facilitar o acceso ás áreas empresariais ou á universidade.

Tamén se porán en marcha melloras nas conexións desde o centro de Santiago cara ás parroquias de Teo e de Ames, coa creación dunha liña circular, e ampliaranse as frecuencias para facilitar o traslado desde Bertamiráns ao polígono Novo Milladoiro.

A responsable de Mobilidade resaltou que neste complexo momento cómpre apostar polo transporte público para garantir o acceso da poboación á educación, á sanidade ou aos centros de emprego.

Para isto, apuntou que a Xunta non só bonifica as viaxes en autobús no marco do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, senón que tamén se mobilizarán 74 millóns de euros ao ano, na vindeira década, para blindar o transporte público.

Imaxes relacionadas