A Xunta adxudica a execución dunha senda peonil na estrada autonómica AC-552, ao seu paso polo concello de Coristanco

Os traballos suporán un investimento de preto de 48.000 euros, comezarán nas vindeiras semanas e terán un prazo de execución de 2 meses

Trátase de mellorar a seguridade viaria na marxe esquerda da vía, dotándoa de beirarrúas e completando un itinerario peonil entre as casas existentes na contorna do punto quilométrico 37+300 e o propio núcleo da vila

Esta actuación busca promover unha mobilidade máis sustentable e segura, favorecendo os desprazamentos cotiáns a pé dos veciños

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de construción dunha senda peonil na estrada autonómica AC-552 ao seu paso polo municipio de Coristanco.

Esta intervención foi adxudicada á empresa Excavaciones Pose, S.L., por un importe de preto de 48.000 euros e prevé o seu comezo nas vindeiras semanas. O prazo de execución das obras é de 2 meses.

Trátase de mellorar a seguridade viaria na marxe esquerda da estrada, para o que se executarán beirarrúas nun tramo de 170 metros, para completar o itinerario peonil actual entre un grupo de casas na contorna do punto quilométrico 37+300 e o propio núcleo de Coristanco.

Os traballos para a execución das beirarrúas, con bordo e baldosa hidráulica sobre soleira de formigón, comprenden as tarefas previas de corte de pavimento, demolición, roza e retirada de elementos existentes, así como o perfilado de terreo e recheo.

Na intervención inclúese a execución de canalización de drenaxe, así como a reposición da sinalización vertical.

As obras realizaranse en terreos de dominio público non sendo, polo tanto, necesario realizar expropiacións.

A actuación do departamento de Infraestruturas da Xunta busca promover unha mobilidade sustentable e segura, favorecendo os desprazamentos cotiáns a pé dos veciños.

Imaxes relacionadas