Durante unha xuntanza celebrada hoxe, ambos abordaron o desenvolvemento dos principais proxectos da cidade para seguir mellorando os servizos sociosanitairos, educativos, culturais e viarios da capital de Galicia

Feijóo e o alcalde de Santiago avogan por reformular o Xacobeo 2021 e pedir que se prorrogue ata xullo de 2022

No eido sociosanitario, o presidente da Xunta destaca a ampliación do CHUS, cuxo proxecto está en fase de redacción, e a construción da nova residencia de maiores, con 120 novas prazas

En educación, salienta o reforzo nos cadros de persoal para este curso, con 66 profesores máis en educación secundaria e 23 máis en infantil e primaria
 

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, avogaron hoxe por reformular o Xacobeo 2021, coa expectativa de que a súa celebración se prorrogue ata xullo de 2022.

Durante unha xuntanza celebrada este mediodía, ambos abordaron o desenvolvemento dos principais proxectos da cidade para seguir mellorando os servizos sociosanitarios, educativos, culturais e viarios da capital de Galicia.

“Estamos a falar de compromisos sanitarios; de compromisos sociosanitarios, cunha residencia de maiores; de compromisos no eido educativo, con case 90 novos profesores para este curso; coa estación intermodal, para entregala á cidade neste ano 2020; co polo biotecnolóxico; coa depuradora; co Xacobeo, coa Catedral e co Monte do Gozo; co Museo do Pobo Galego; coa Cidade da Cultura; e coa candidatura de Santiago dentro do Plan de sostibilidade turística”, dixo, garantindo a colaboración e o traballo conxunto entre administracións para “seguir facendo cousas para a cidade e para os galegos”.

Se ben a situación da pandemia na Comunidade e, máis concretamente, en Santiago, ocupou unha parte da reunión, Feijóo e Sánchez Bugallo aproveitaron o encontro para repasar o estado das actuacións que en materia de Sanidade ten proxectadas a Xunta, e entre as que destacan: a ampliación do Hospital Clínico Universitario de Santiago, cuxo proxecto está en fase de redacción, así como a ampliación das Urxencias, cuxas obras rematarán nun prazo de mes e medio, e a ampliación da área de farmacia, cun investimento de 1,5 millóns de euros.

E no tocante á reforma do centro de saúde de Conxo, que estará situado no antigo hospital psiquiátrico de Conxo, Feijóo confirmou que xa se están a levar a cabo as sondaxes arqueolóxicas na zona.

No eido sociosanitario, ademais de salientar as obras de mellora da residencia Porta do Camiño, o responsable do Goberno galego referiuse á construción dunha nova residencia de maiores, valorando a disposición do Concello para que se constrúa nun terreo no Restollal. “O obxectivo é empezar a obra esta ano”, dixo, recordando que coa súa construción -en colaboración coa Fundación Amancio Ortega-, a cidade contará con 120 novas prazas.

Reforzo no eido educativo con case 90 novos profesores para este curso

Feijóo e Sánchez Bugallo fixeron tamén un repaso das actuacións levadas a cabo nos centros educativos da cidade. Ademais, salientaron o reforzo nos cadros de persoal para este curso, con 66 profesores máis en educación secundaria e 23 máis en infantil e primaria.

Durante a súa intervención, o titular da Administración autonómica destacou outros proxectos levados a cabo en Santiago, como a nova estación intermodal, cuxo obxectivo é entregala á cidade a finais deste ano 2020; e o polo biotecnolóxico, que conta con 65.000 m2 reservados no polígono da Sionlla e cun investimento do Igape de 4 millóns de euros.

“E falamos tamén da necesidade de axilizar o enlace orbital”, engadiu, valorando tamén o compromiso do Goberno central de financiar a depuradora, co fondo de reconstrución. “E no caso de non obter o 100% do financiamento, financiaremos entre o Concello e a Xunta cantidade restante”, asegurou sobre a EDAR.

Compromisos culturais

No eido cultural, recordou o traballo feito nestes últimos anos para acadar a integración paisaxística dos Camiños, cunhas obras dotadas con 13 millóns de euros e que estarán rematadas a finais deste ano; a rehabilitación da Catedral de Santiago, cuxos traballos están na fase final; e a finalización da rehabilitación do Monte do Gozo.

Así mesmo, salientou o avance nas obras de rehabilitación do Museo do Pobo Galego e confirmou o obxectivo de finalizar na primavera de 2021 a Cidade da Cultura, co edificio Fontán. E concluíu confirmando o apoio financeiro da Xunta ao Plan de sostibilidade turística presentado polo Concello: “Estamos a falar dun proxecto de 4 millóns de euros, financiado por terzos entre a Administración xeral, o Concello e a Comunidade autónoma. Queremos estar neste proxecto por que é xusto, é bo para toda Galicia e porque Santiago meréceo”, abundou.

 

Imaxes relacionadas