Medio Ambiente emite o Documento de Alcance do Estudo Ambiental Estratéxico do Plan Xeral de Vigo

Tal e como se trasladou a comezos deste mes, a Xunta resolve en tempo esta nova fase que forma parte da tramitación ambiental do PXOM, e que se suma á comunicación relativa ao informe urbanístico, elaborado pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio

No Documento de alcance do órgano ambiental sinálanse distintas observacións para mellorar a sostibilidade ambiental da proposta inicial, así como as reflexións e suxestións recibidas na fase de consultas previas

O Concello de Vigo deberá remitir ao órgano ambiental o expediente de avaliación ambiental estratéxico completo, que deberá constar da proposta final do Pxom, o estudo ambiental, un informe sobre a participación públicas e un documento resumo

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2020-

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de enviar a Resolución pola que se formula o Documento de Alcance do Estudo Ambiental Estratéxico do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Vigo. Neste sentido, a Xunta cumpre co compromiso anunciado a comezos de setembro de trasladar ao Concello de Vigo antes de que rematara o mes, a resolución sobre este documento de alcance; a pesar de que a Xunta dispoñía ata comezos de outubro para emitir a Resolución.

Esta nova comunicación súmase ao anuncio realizado pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, o pasado 6 de setembro nunha reunión convocada polo Concello, cando lle trasladou aos responsables da Administración local, o informe sobre a análise -desde o punto de vista urbanístico- do contido do borrador do novo plan xeral.

As observacións para mellorar a sostibilidade ambiental da proposta inicial son froito da análise realizada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, así como as reflexións e suxestións recibidas durante a fase de consultas previas, período no que se recibiron informes de distintos organismos autonómicos, como o Instituto Galego de Vivenda e Solo, Augas de Galicia, Subdirección Xeral de Administración Industrial; así como estatais, como a Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Demarcación de Costas do Estado, Dirección Xeral de Aviación Civil, ou de Planificación e Avaliación da Rede Ferroviaria...

Agora, o Concello de Vigo deberá remitir ao órgano ambiental o expediente de avaliación ambiental estratéxica completo -en formato dixital- para que formule a declaración ambiental estratéxica, documento que pon fin ao trámite ambiental por parte da Xunta.

O expediente deberá conter a propostas final do Pxom e o estudo ambiental estratéxico; o informe de participación pública e consultas, no que se describa o procedemento seguido, a relación de administracións públicas consultadas e persoas interesadas; e un documento resumo no que se describa a integración na proposta final dos aspectos ambientais, do estudo ambiental estratéxico e da súa adecuación ao documento de alcance, do resultado das consultas realizadas e da súa toma en consideración.

Todos os concellos con planeamento

Cómpre lembrar que o urbanismo é unha competencia municipal, tal e como se recolle na Lei do Solo, que contén unha decidida aposta pola autonomía municipal e incrementa a confianza nas administracións locais. É dicir, son os propios concellos os promotores deste tipo de iniciativas e os que se encargan de deseñar o seu PXOM de acordo co modelo urbanístico que desexan.

En todo caso, o Executivo autonómico está sempre a carón dos concellos no impulso da tramitación e aprobación do planeamento que permita que todos dos concellos conten cun instrumento de calidade nun prazo razoable, cara a un urbanismo responsable. Grazas a este labor, 109 municipios contan xa cun PXOM adaptado á normativa urbanística vixente.

No caso concreto de Vigo, a Xunta traballou desde o primeiro momento para dar unha solución á situación urbanística da cidade olívica, logo da anulación por parte do Tribunal Supremo do PXOM de 2008. Desde entón, defendeu que a única solución definitiva á situación urbanística de Vigo era a aprobación dun novo plan xeral e con ese obxectivo tendeu a man ao consistorio vigués, impulsando outro convenio de colaboración para redactar o novo plan (o segundo, xa que a Administración autonómica xa contribuíra á redacción do PXOM anulado por unha sentencia do ano 2015).

Ademais, o Goberno galego ofreceu respostas provisionais e urxentes para evitar o parón urbanístico da cidade olívica, como a aprobación da Lei 3/2016, de 1 de marzo, de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, para aportar unha solución a proxectos de especial interese levados a cabo polas administracións, como a ampliación da Zona Franca, o Ifevi ou a Estación Intermodal.

Tamén impulsou un ano despois a redacción da Lei de medidas provisionais de ordenación urbanística, solución legal e amparada xuridicamente para permitir que certas zonas puideran seguir evolucionando a través dunha ordenación provisional, capaz de garantir o desenvolvemento económico das iniciativas de pequenos empresarios e particulares.