A Xunta remata a senda na estrada PO-233, no concello de Cerdedo-Cotobade, mellorando a mobilidade peonil dos veciños e a seguridade viaria entre Ponte Bora e Carballedo

A actuación supuxo un investimento autonómico de preto de 48.000 euros

Executouse unha senda de case 400 metros pola marxe dereita da estrada, que crea unha zona peonil independente do tráfico rodado

A nova senda conta cun ancho mínimo de 2 metros e dispón de varanda de protección nas zonas con desniveis
 

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar a execución da senda na estrada PO-233, no concello de Cerdedo-Cotobade, mellorando a mobilidade peonil dos veciños e a seguridade viaria entre Ponte Bora e Carballedo.

Os traballos, cun investimento da Xunta de preto de 48.000 euros, consistiron na execución dun itinerario de preto de 400 metros de lonxitude, pola marxe dereita da estrada autonómica, entre os puntos quilométrico 9+050 e 9+424, dotándoa dunha zona peonil independente do tráfico rodado.

A nova senda, cun ancho mínimo de dous metros, conta cunha capa de dez centímetros de espesor. Para executar a actuación fíxose necesario a demolición do firme ata a profundidade necesaria para posteriormente dispoñer a capa que conforma a senda.

Ademais, nos casos nos que a beirarrúa se atopaba sen pavimentar, realizouse a escavación do terreo ata unha profundidade de 50 centímetros para, a continuación, dispoñer un recheo de chan seleccionado de idéntico espesor sobre a que se executou a senda.

Nas áreas onde existía un desnivel significativo, entre a senda e terreo adxacente, colocouse varanda de protección.

Tamén se incluíu na intervención a prolongación das obras de drenaxe transversal nos puntos quilométricos 9+144 e 9+243.

Esta obra, executada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, enmárcase nas actuacións para impulsar unha mobilidade máis saudable e sustentable, ao tempo que se atende a criterios de integración paisaxística e ao reforzo da seguridade viaria nas estradas de titularidade autonómica.
 

Imaxes relacionadas