A Xunta adxudica as obras de rehabilitación do firme na travesía do Pindo, no Concello de Carnota

Os traballos, adxudicados por un importe de máis de 48.000 euros, comezarán nas vindeiras semanas e terán un prazo de execución de 1 mes

A actuación abarca o tramo da travesía da vía autonómica AC-550 con maior grado de desgaste, polo que discorrerá proximamente a Volta Ciclista a España

Procederase ao fresado parcial da capa de rodaxe e á extensión dunha nova capa en toda a superficie dos dous carrís

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de rehabilitación do firme na estrada autonómica AC-550, no entorno da travesía do Pindo, no municipio de Carnota.

Esta intervención foi adxudicada á empresa Nemesio Ordoñez, S.A. (NOSA), por un importe de máis de 48.000 euros. As obras prevén o seu comezo nas vindeiras semanas e terán un prazo estimado de execución de 1 mes.

Trátase de actuacións de conservación da rede viaria autonómica para mellorar o estado do firme da AC-550, que presenta un maior grado de desgaste no entorno da travesía do Pindo, polo que discorrerá proximamente a Volta Ciclista a España.

Os traballos realizaranse entre os puntos quilométricos 11+050 a 11+800 e consistirán no fresado parcial da capa de rodaxe e a extensión dunha nova capa a base de formigón bituminoso en quente a toda a superficie dos dous carrís.