A Xunta apoia a implantación dun modelo uniforme de rexistros de prohibidos nas actividades de xogo entre comunidades

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe por videoconferencia no pleno do Consello de Políticas de Xogo, que estivo presidida polo ministro de Consumo, Alberto Garzón

A Administración autonómica traballará en coordinación co Goberno central para iniciar os traballos que permitan contar cun sistema unificado

A Xunta xa demandou en varias ocasións esta medida para protexer aos colectivos máis vulnerables, obxectivo que tamén se pretende acadar coa futura Lei do Xogo
 

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2020

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta tarde por videoconferencia na sesión plenaria do Consello de Políticas de Xogo, que estivo presidida polo ministro de Consumo, Alberto Garzón. No marco deste encontro, a Xunta apoiou a proposta para impulsar mecanismos que permitan contar cun modelo uniforme de rexistros de prohibidos entre as comunidades autónomas co obxectivo de establecer un adecuado sistema de protección da cidadanía.

Nesta liña, o Goberno galego mostrou o seu apoio a esta iniciativa e a traballar de forma coordinada co Executivo central para levar a cabo as medidas necesarias que permitan subscribir convenios de colaboración de interconexión automatizada entre os distintos sistemas de información das comunidades autónomas.

As medidas leváranse a cabo nun prazo máximo dun ano despois da aprobación dunha proposta conxunta sobre o modelo que garanta a máxima protección dos cidadáns. A proposta elaborarase nos próximos catro meses e elevarase ao Pleno do Consello de Políticas do Xogo para a súa aprobación.

A Xunta leva demandando desde hai anos esta medida, coa finalidade de protexer a colectivos especialmente vulnerables, obxectivo que tamén se pretende co novo anteproxecto de Lei de Xogo que está a tramitarse na comunidade galega.

O Rexistro de Prohibidos é precisamente un dos aspectos que regulará a futura Lei do Xogo na que traballa a Xunta e nel constarán inscritas as persoas físicas que o soliciten coa finalidade de facer efectivo o dereito da cidadanía a que se lles prohiba a participación nas actividades de xogo e a entrada en todos os establecementos de xogo de Galicia.

O novo texto lexislativo permitirá actualizar a anterior Lei –que foi aprobada en 1985- coa premisa de adaptala os tempos actuais e aos novos modelos de xogo. O Goberno galego pretende que a norma conte co máximo consenso e, por iso, será elaborada tendo en conta as aportacións de todos os sectores do xogo.

Un dos obxectivos desta Lei é regular un xogo responsable, de aí que inclúa a obrigatoriedade de que todos os establecementos de xogo deban ter control de acceso para evitar a entrada de menores e das persoas que figuran de forma voluntaria no Rexistro de Prohibidos.

Por outra parte, na reunión de hoxe, na que tamén participou o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, aprobouse ademais a modificación do Regulamento de organización e funcionamento do Consello de Políticas de Xogo, que inclúe varios cambios organizativos.

 

Imaxes relacionadas