O delegado territorial da Xunta en Ourense mantén os seus primeiros encontros institucionais co presidente da Deputación e co subdelegado de Goberno

Gabriel Alén puxo de manifesto a necesidade de manter diálogo e colaboración permanente con todas as institucións ourensás para traballar de xeito coordinado polo futuro da provincia

Ourense, 21 de setembro de 2020

O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén Castro, apenas tres horas despois da súa toma de posesión, quixo manter hoxe un primeiro contacto institucional co presidente da Deputación provincial, José Manuel Baltar Blanco, e co subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso. Estes encontros enmárcanse dentro da xira de visitas que Alén Castro ten previsto realizar aos principais representantes das institucións ourensás como novo responsable do Goberno galego na provincia.

Durante a xuntanza co presidente da Deputación acordaron reforzar as liñas de colaboración que xa están en marcha para mellorar servizos públicos e impulsar sectores importantes da provincia como o vitivinícola e o termal e puxeron de manifesto o propósito de seguir mantendo unha liña de colaboración entre ambas as dúas administracións para traballar de xeito coordinado polo futuro da provincia e o beneficio e benestar dos seus cidadáns.

Gabriel Alén abordou co subdelegado do Goberno diversos proxectos e actuacións que comparten a Xunta de Galicia e o Goberno central e instou á necesidade de manter o máximo diálogo institucional posible.

Imaxes relacionadas