Avanzan os traballos de estabilización dun noiro con técnicas de bioenxeñería no río Sar en Estramundi de Abaixo, no concello de Padrón, para minimizar o risco de inundacións

Esta intervención, cun investimento autonómico duns 250.000, forma parte das actuacións de mantemento de Augas de Galicia nas áreas identificadas con especial risco potencial de inundacións

Está a traballarse na construción dun muro mediante empalizada de madeira, con posterior recheo con terras, estaquillado con material vivo extraído da zona e mallas vexetadas e estendido de biorrollos orgánicos

A obra completarase na parte superior, incluíndo a reposición do paseo existente e a repoboación da marxe con vexetación propia de ribeira

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade segue a avanzar nos traballos de estabilización dun noiro con técnicas de bioenxeñería no río Sar, ao seu paso polo lugar de Estramundi de Abaixo, no concello de Padrón.

Os traballos contratados por Augas de Galicia, cun investimento autonómico de 250.000 euros, teñen como obxectivo a mellora do comportamento hidráulico do río e a minimización de posibles avenidas.

A intervención do organismo adscrito á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, iniciábase a finais de xullo e enmárcase dentro das actuacións de mantemento e conservación de zona inundable das áreas identificadas como de risco potencial significativo de inundación (ARPSI).

Neste momento, segue avanzando na intervención no punto que se atopa augas arriba da canle de derivación do río que discorre pola zona urbana, actuando no noiro, por medio de técnicas brandas de bioenxeñaría, coa execución dun muro krainer, de 50 metros de lonxitude, con base de escollera. Este tipo de muros constrúense mediante empalizada de madeira, con posterior recheo con terras, estaquillado con material vivo extraído da zona, mallas vexetadas e estendido de biorrollos orgánicos.

Os traballos completaranse na parte superior, incluíndo a reposición do paseo existente e a repoboación da marxe con vexetación propia de ribeira.

Imaxes relacionadas