Medio Ambiente adxudica por case 58.000 euros o contrato para a pavimentación e mellora da rúa República Arxentina de Noia

Xunta e Concello asinaron en maio un convenio de colaboración en virtude do cal a Consellería asume o 70% do custo da obra e o Goberno local o 30% restante

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar e asinar o contrato para a realización das obras de pavimentación e mellora da rúa República Arxentina, localizada en pleno centro urbano do Concello de Noia. A actuación a desenvolver terá un custo de 57.960,21 euros, dos que a Xunta achegará o 70% e o Goberno local, o 30% restante, tal e como figura no convenio de colaboración asinado por ambas partes o pasado mes de maio.

Tras a formalización do contrato hai uns días, a empresa adxudicataria –Nemesio Ordóñez S. A.- disporá do prazo dun mes para comezar cos traballos previstos, que basicamente consistirán na execución da mellora do firme e da sinalización horizontal da rúa República Arxentina, no tramo que vai desde a glorieta da Praza das Américas ata o cruce coas rúas San Breixo e Costa Santo.

En concreto, a actuación adxudicada, cun prazo de execución previsto de dous meses, centrarase en dotar a esta importante vía dunhas infraestruturas acordes aos usos e á densidade de tráfico que soporta actualmente, xa que se trata dunha das arterias principais de entrada á vila coruñesa.

Así, os viarios están formados por un pavimento que debido ao paso do tempo e ás condicións meteorolóxicas presenta múltiples ondulacións, fochancas e zonas con fisuras. En particular, nas áreas de aparcamento e nas franxas centrais dos carrís de circulación o deterioro é notable, ao que se suma a falla de pintado, repercutindo todo isto sobre a seguridade viaria e aconsellando acometer tarefas de renovación e conservación.

Ao mesmo tempo, o proxecto prevé tamén a mellora das beirarrúas coa eliminación de barreiras para facelas máis accesibles ás persoas con mobilidade reducida. Os traballos rematarán co pintado das marcas viarias e a colocación do mobiliario urbano necesario.

Plan Hurbe desde 2010

A obra que acaba de adxudicarse no Concello de Noia enmárcanse dentro do chamado Plan Hurbe, un programa posto en marcha no ano 2010 pola Consellería de Medio Ambiente para apoiar ás entidades locais na execución de proxectos e actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público. Grazas a esta iniciativa, no período 2010-2018 executáronse 200 actuacións en 125 concellos, o que significa que se actuou case no 40% dos municipios galegos. Na mesma liña, o ano pasado asumíronse preto de 90 novos compromisos cos concellos para os que se mobilizaron 12,9 millóns e nos orzamentos da Xunta de 2020 hai reservados 6,5 millóns para actuacións urbanísticas a nivel municipal.