A Xunta pon en servizo o luns a nova circunvalación das Pontes reordenando a rede viaria e mellorando a mobilidade na contorna

A posta en servizo permite normalizar a circulación no núcleo das Pontes, ao restablecerse pola nova estrada a conexión entre a AC-101 e a AC-861

A intervención está practicamente finalizada, restando só remates nas glorietas e nas sendas máis próximas ao río, que se prevén acabar nos vindeiros meses

O proxecto, cun investimento de máis de 2,9 millóns de euros financiado por Endesa Generación S.A, foi acometido polo Goberno galego

As obras consistiron na construción dun novo viario de acceso ao núcleo, separando a área industrial da residencial e mantendo a conexión coa AG-64

A nova estrada, que servirá de alternativa á actual AC-861, ten 985 metros de lonxitude e comunica a AC-101 coa rúa alcalde Vilaboy Pajón

A actuación compleméntase cunha rede de sendas peonís e ciclistas en paralelo á nova vía e ao río Eume, conectando coas instalacións de Endesa

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2020

A Xunta pon en servizo o luns a nova circunvalación das Pontes de García Rodríguez coa fin de reordenar a rede viaria e mellorar a mobilidade nesta contorna.

A súa posta en servizo, o vindeiro 21 de setembro, permite normalizar a circulación no núcleo das Pontes, ao restablecerse pola nova estrada a conexión entre a AC-101 e a AC-861.

A intervención está practicamente finalizada, restando só remates nas glorietas e nas sendas máis próximas ao río, que se prevén acabar nos vindeiros meses, entre outubro e novembro.

O proxecto, cun investimento de máis de 2,9 millóns de euros financiado por Endesa Generación S.A, foi acometido pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Estas obras, que comezaron en xaneiro de 2019, consistiron na construción dunha nova vía de acceso ao núcleo que funciona como circunvalación, separando a área industrial da residencial e mantendo a conexión coa AG-64.

A nova estrada, que servirá de alternativa á actual AC-861, ten 985 metros de lonxitude e comunica a AC-101 coa rúa alcalde Vilaboy Pajón.

A vía conta con 3 glorietas, unha en cada extremo e outra intermedia como intersección coa rúa Areosa e a de Acceso á Fábrica.

Ademais a actuación compleméntase cunha rede de sendas de máis de 2,4 km de lonxitude para facilitar a mobilidade peonil e ciclista. Estes itinerarios desenvólvense en paralelo á nova vía e ao río Eume, conectando coas instalacións de Endesa.

A intervención inclúe un aparcadoiro disuasorio no entorno da Casa da Enerxía, na Avenida Alcalde Vilaboy, así como a remodelación do tramo inicial das rúas Areosa e Irmáns Tojeiro.

Imaxes relacionadas