A Policía Autonómica e axentes ambientais esclarecen tres incendios forestais nos concellos de Toén, Maceda e Santiago

No que vai de ano, foron detidas ou investigadas pola Policía Autonómica 48 persoas como presuntas autoras de incendios forestais

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2020

A Policía Autonómica, en colaboración con axentes ambientais, vén de esclarecer tres incendios forestais, dous deles nos concellos ourensáns de Toén e Maceda e outro en Santiago de Compostela.

Os axentes da Policía Autonómica de Ourense tomaron declaración a un varón como presunto autor dun lume forestal que se produciu o pasado 15 de setembro no lugar de Puga, do concello de Toén, e que afectou 0,1 hectáreas de superficie arborada. O investigado realizaba voaduras nunha canteira e o material incandescente proxectado acadou o monte lindante e provocou o lume. No seu control participaron dous axentes forestais, dúas brigadas, dúas motobombas e un helicóptero con base en Toén.

Por outra banda, efectivos desta mesma sede da Policía Autonómica, localizaron ao autor dun incendio forestal ocorrido o pasado 10 de setembro, no lugar da Veiga, do municipio de Maceda. O lume orixinouse mentres o investigado estaba a realizar traballos de corte cunha serra radial cando o índice de risco de incendio era extremo e sen tomar as medidas de precaucións necesarias, o que provocou que as lapas se propagaran a fincas próximas. Arderon 0,21 hectáreas de monte raso e foi necesaria a participación dun axente forestal, dúas motobombas e dúas brigadas.

Ademais, no marco dos controis de queimas de restos agrícolas, axentes da Policía Autonómica da Xefatura de Santiago de Compostela, en colaboración con persoal do Distrito Forestal III Santiago-Meseta Interior, esclareceron un lume rexistrado o pasado agosto, que afectou 0,15 hectáreas de monte raso. O incendio rexistrouse o pasado mes de agosto no lugar de Amio, en Santiago de Compostela, debido aos traballos de limpeza nunca finca co uso dunha rozadora de martelos. Dous axentes forestais, dúas motobombas e dúas brigadas traballaron no seu control e extinción.

No que levamos de ano, foron detidas ou investigadas pola Policía Autonómica 48 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.