Ethel Vázquez pon en valor a transformación da imaxe do Camiño Francés no entorno da capela de San Marcos e na baixada do Monte do Gozo cun investimento de case 1M€

Vázquez Mourelle indica que se reordena a baixada do Monte do Gozo ata o paso coa N-634, sobre a AP-9, gañando espazo para os peregrinos e os veciños

No treito inicial creouse unha nova praza con árbores autóctonas e con iluminación que resalta elementos singulares como a entrada ao adro

No núcleo de San Marcos executouse unha plataforma continua de formigón para favorecer unha convivencia harmónica entre peregrinos, veciños e vehículos

No treito final, nas inmediacións coa estrada N-634, substituíronse as escaleiras por unha pasarela para salvar o desnivel entre a rúa do Gozo e a vía
 

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, pon en valor a transformación da imaxe do Camiño Francés no entorno da capela de San Marcos e na baixada do Monte do Gozo, cun investimento de case 1 millón de euros.

Vázquez Mourelle supervisou hoxe estes traballos, que xa están case rematados, roldando o 98 % da súa execución, ao restar só os remates de xardinería e pintura.

Indicou que o proxecto se centra na reordenación da contorna de baixada do Monte do Gozo ata o paso coa estrada N-634, sobre a AP-9, permitindo gañar espazo para os peregrinos e os veciños da zona.

Subliñou que esta intervención supón mudar por completo a imaxe do Camiño Francés neste ámbito do Monte do Gozo e San Marcos, xunto con outras actuacións por parte da Axencia Turismo de Galicia.

No treito inicial da intervención creouse unha nova praza con árbores autóctonas e con iluminación que resalta elementos singulares como a entrada ao adro. Tamén se retiraron os eucaliptos da traseira, conformando un espazo que se integra co resto do Monte do Gozo.

Ademais dispúxose unha senda de baixada, a partir do adro da capela, que atravesa a carballeira e continúa o seu trazado paralela á estrada, separada desta por unha franxa verde.

No núcleo de San Marcos, executouse unha plataforma continua de formigón para favorecer unha convivencia harmónica entre peregrinos, veciños e vehículos, coidando especialmente o espazo fronte ás vivendas.

No treito final, nas inmediacións coa estrada N-634, substituíronse as escaleiras por unha pasarela para salvar o desnivel entre a rúa do Gozo e a vía.

Na parte inferior, configurouse un espazo que sirve de antesala aos que percorran a nova pasarela en sentido ascendente, e tamén de desembarco e tránsito ata a recente actuación sobre a AP-9 para os que descendan.

Estes traballos enmárcanse no proxecto para mellorar as entradas das rutas dos Camiños de Santiago á cidade de cara ao Xacobeo 2021, cun investimento global da Xunta de 10 millóns de euros, ao que se suman as actuacións que está a impulsar o Concello.

A conselleira lembrou que ás obras visitadas hoxe cómpre engadir outras no Camiño Francés, entre O Tangueiro e San Lázaro ou no nó de Concheiros; no Camiño Portugués, en Conxo, que rematará en outubro; ou no Camiño Inglés, no Tambre, cunha intervención acabada e outra en execución.

Fixo fincapé en que estas actuacións son estratéxicas para preparar Compostela para o Xacobeo máis necesario, coa fin de potenciar o turismo e contribuír á recuperación da economía.
 

Imaxes relacionadas