A intervención forma parte das actuacións de mellora e integración paisaxística do Camiño Portugués ao seu paso por este barrio compostelán

A Xunta adxudica a obra de rectificación de trazado da rúa Ramón Baltar, en Santiago, para mellorar a accesibilidade peonil ao aparcadoiro ao carón do centro de saúde de Conxo

A nova actuación comezará nas vindeiras semanas e suporá un investimento de preto de 50.000 euros

Trátase de desprazar lixeiramente o eixe da curva desta rúa para conseguir un ancho de beirarrúa de 1,5 metros na marxe dereita, co fin de garantir a correcta seguridade e accesibilidade nesta contorna

Segue a avanzar a obra complementaria do novo aparcadoiro que, cun investimento de preto de 335.000 euros, permitirá compensar as prazas existentes ata o de agora da zona do Campo de Conxo

A Xunta intensifica os traballos de integración dos Camiños á súa entrada á cidade, nos que se están a investir 10 millóns de euros, para preparar Compostela para o Xacobeo 2021

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de rectificación de trazado da rúa Ramón Baltar, en Santiago, para a mellora de accesibilidade peonil ao novo aparcadoiro ao carón do centro de saúde de Conxo.

O contrato foi adxudicado á empresa Explotaciones Gallegas, S.L., por un investimento de preto de 50.000 euros. As obras comezarán nas vindeiras semanas e teñen un prazo de execución de 2 meses.

Esta intervención forma parte dos traballos que está levando a cabo a Xunta dentro das actuacións para a mellora e integración paisaxística das rutas xacobeas á súa chegada a Compostela, en concreto, no Camiño Portugués, ao seu paso polo barrio de Conxo, cun investimento de 2 millóns de euros.

Os traballos adxudicados consisten en rectificar lixeiramente o trazado da Rúa Ramón Baltar, desprazando o eixe da curva actual cara á esquerda, conseguindo un ancho de beirarrúa de 1,5 metros na marxe dereita. Isto permite tamén a reconstrución da beirarrúa na súa marxe esquerda, aumentando o seu ancho ata os 1,80 metros.

No marco das obras de integración paisaxística que se están a executar no Camiño Portugués en Conxo, fíxose necesaria a execución dun muro de formigón para soster o muro de peche do cemiterio. Este muro prolóngase ata o final do ámbito de actuación, deixando unha beirarrúa cun ancho menor do normativo. A dita beirarrúa é a que posibilita o tránsito peonil cara á instalacións do centro de saúde e ao novo aparcamento en construción, o que fai necesario dotala dun ancho mínimo de 1,50 metros co fin de garantir a correcta seguridade e accesibilidade dos usuarios.

Para executar os citados traballos de rectificación do trazado da rúa Ramón Baltar, inicialmente, será necesario o despexe e retirada de terra vexetal na superficie ocupada final, para continuar co retranqueo de servizos afectados: canalización de drenaxe de pluviais, rede de abastecemento de auga e iluminación público que se trasladarán baixo a futura beirarrúa. Tamén se trasladarán todos os elementos de cada rede: arquetas, sumidoiros, pozos.

A continuación executaranse os bordos prefabricados de formigón e procederase ao afirmado de novas superficies da futura estrada. As beirarrúas pavimentaranse con baldosa hidráulica.

Finalmente estenderase unha nova capa de formigón bituminoso en toda a lonxitude de actuación para posibilitar o pintado de novas marcas viarias.

O departamento de Infraestruturas da Xunta segue, ao tempo, avanzando nos traballos complementarios do novo aparcadoiro ao carón do centro de saúde de Conxo, iniciados este mes de maio e que contan cun investimento de preto de 335.000 euros. O obxectivo é dotar novas prazas de aparcadoiro que permitan compensar as que se perden coas obras de integración paisaxística que se están a levar a cabo na praza do Campo de Conxo.

A Xunta segue traballando a un ritmo intenso na integración paisaxística dos Camiños á súa entrada en Santiago, aos que se destina un investimento autonómico de 10 millóns de euros, para preparar Compostela para o Xacobeo 2021 e para facer cidade, pensando en facer máis amable o Camiño para os peregrinos e tamén en melloras para os veciños.