A Xunta comeza as obras de reparación da tubaxe de pluviais na estrada OU-531 en Lampaza, no Concello de Rairiz de Veiga

A intervención, cun investimento de case 12.000 euros, estará rematada a finais de setembro

Os traballos acometeranse no punto quilométrico 13+500 da vía, na marxe dereita

As actuacións consisten na substitución da tubaxe condutora de augas en formigón por unha nova en PVC

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2020

A Xunta vén de comezar as obras de reparación da tubaxe de pluviais na estrada OU-531 en Lampaza, no Concello de Rairiz de Veiga.

A intervención, cun investimento de preto de 12.000 euros, estará rematada a finais de setembro e mellorará as condicións de seguridade da propia estrada ao favorecer a condución das augas.

Estes traballos de conservación levaranse a cabo no punto quilométrico 13+500 da vía autonómica, na súa marxe dereita.

As actuacións consisten na substitución da tubaxe condutora de augas en formigón por unha nova en PVC.

O proxecto contempla a execución de 4 pozos de rexistro no treito executado, coas súas correspondentes tapas de fundición.

Unha vez instalada a tubaxe nova, procederase ao recheo do noiro co material necesario e executarase unha beirarrúa con formigón en masa.

Imaxes relacionadas