A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto coa alcaldesa, María Ramallo, supervisou esta obra, de “enorme valor ambiental para asegurar o bo estado ecolóxico das augas, e para os milleiros de familias que viven desta ría”

Ethel Vázquez salienta a importancia para o saneamento da ría de Pontevedra das obras do novo colector e estación de bombeo de Marín, rematadas tras un investimento de 3,1 millóns

Vázquez Mourelle destaca que as obras supuxeron a instalación de 1,2 quilómetros de novas canalizacións e unha nova instalación de bombeo, para evitar infiltracións de auga do mar e o adecuado funcionamento da rede

Enmarca esta actuación no Plan de saneamento local da ría de Pontevedra, no que a Xunta está a investir 45 millóns de euros, con actuacións xa en marcha na depuradora dos Praceres

Destaca a colaboración do Concello de Marín, tanto para avanzar na tarefa de saneamento da ría como en materia de seguridade viaria, con actuacións xa rematadas na rúa Concepción Arenal

Refire as intervencións en marcha do Plan de sendas: o itinerario Coirados-Pardavila, que se rematará este ano e a licitación tamén este ano da senda de Bagüín-Seixo

Resalta os beneficios da aposta da Xunta polo transporte público, que en Marín está a permitir xa a máis de 960 mozos menores de 21 anos viaxar de balde en autobús coa Tarxeta Xente Nova

Marín (Pontevedra) 16 de setembro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe a importancia para o saneamento da ría de Pontevedra das obras do novo colector e estación de bombeo de Marín, rematadas tras un investimento de 3,1 millóns de euros.

Vázquez Mourelle, xunto á alcaldesa, María Ramallo, supervisou os traballos para pór ao servizo dos veciños de Marín un novo colector xeral e unha nova impulsión, que supuxo a execución de 1,2 quilómetros de novas canalizacións e unha nova instalación de bombeo. Estas actuacións, tal e como salientou a conselleira, xogan un papel fundamental para o bo funcionamento do sistema de saneamento de Marín e para evitar que se vertan vertidos á ría sen depurar.

Con ese obxectivo, explicou que se construíu un novo colector xeral de maior capacidade que substitúe ao anterior e que recollerá as augas residuais de Marín percorrendo a avenida de Ourense cara a zona portuaria, onde se executou a nova estación de bombeo de augas residuais.

Este novo bombeo conta cun depósito de retención de 1.500 m3 de capacidade que permitirá, nos días de máis choivas, almacenar as augas máis sucias antes de ser bombeadas cara á depuradora. Esta intervención tamén preveu, pensando xa no futuro, o espazo suficiente para ampliar a súa capacidade cando sexa necesario.

Ademais, a este bombeo derívanse as augas recollidas no colector portuario e faranse outras canalizacións, tanto para alivio como para que cheguen as augas residuais ata a depuradora.

As obras de mellora do saneamento de Marín están cofianciadas con fondos europeos do programa operativo Feder 2014-2020.

A titular do departamento de Infraestruturas da Xunta explicou que neste momentos, os traballos están rematados, quedando pendente soamente o subministro eléctrico, para realizar as probas dos equipos instalados, coa posterior recepción e entrega ao Concello de Marín.

A conselleira expresou o recoñecemento á colaboración do Concello, xa que xoga un papel fundamental para avanzar na tarefa de saneamento da ría, coa mellora dos seus colectores secundarios, “contribuíndo así tamén ao marisqueo, á pesca, ao turismo e á calidade de vida”, remarcou.

Ethel Vázquez puxo o acento no significado desta intervención, que permite dar un paso máis na necesaria mellora do saneamento de Marín e da ría, xa que permitirán evitar infiltracións de auga do mar ademais dun adecuado funcionamento da rede, mesmo nos días de máis choiva.

Subliñou a importancia desta actuación no marco do Plan de saneamento local da ría de Pontevedra, na que a Xunta está a investir un total de 45 millóns de euros, con actuacións xa en marcha na estación depuradora de augas residuais dos Praceres. E remarcou o “enorme valor ambiental para asegurar o bo estado ecolóxico das masas de auga, para asegurar a súa calidade, e para os milleiros de familias que viven desta ría”.

Colaboración co Concello

Ethel Vázquez, que mantivo hoxe unha reunión previa coa alcaldesa, puxo tamén en valor a colaboración do Concello para a materialización dos compromisos do departamento que dirixe con Marín, tamén en materia de seguridade viaria, coas obras xa rematadas na rúa Concepción Arenal, froito dun convenio co Concello.

Tamén se referiu ás intervencións do Plan de sendas da Xunta, cofinanciado con fondos europeos do programa operativo Feder 2014-2020 e que inclúe actuacións como a xa rematada en Vilaseca-Lapamán; a que está en obras na estrada PO-313, entre Coirados e Pardavila, que se prevé finalizar este ano; e a que se prevé licitar este ano entre Bagüin e Seixo, na PO-551. Nesta estrada xa se está a actuar agora na contorna de Lapamán para mellorar un treito de concentración de accidentes.

Imaxes relacionadas