A Xunta formaliza o contrato para a execución da primeira fase do desdobramento da vía de alta capacidade Nadela-Sarria

As obras, cun investimento de 24,6 millóns de euros, comezarán nas vindeiras semanas e teñen un prazo de execución de 24 meses

A actuación iniciarase no treito de 11,5 quilómetros entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro

Os obxectivos da intervención son o reforzo da seguridade viaria, a mellora da funcionalidade e o nivel de servizo da vía de altas prestacións

Para converter o tramo en autovía executarase unha nova calzada paralela pola marxe esquerda en sentido A Pobra de San Xiao, adaptaranse os enlaces e pasos inferiores e reporanse os camiños

O treito de autovía terá valado reforzado para reducir a accidentalidade causada polo xabaril e substituirase a existente no lado que non se desdobra
 

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2020

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, formalizou hoxe o contrato para a execución das obras da primeira fase do desdobramento da Vía de Alta Prestación Nadela-Sarria.
As obras, cun investimento de 24,6 millóns de euros, foron adxudicadas á unión temporal de empresas Ovisa-Covsa-Grupo Bascuas 2008 S.L.-Construcciones Isidro Otero S.L.

A actuación, cuxo inicio se prevé nas vindeiras semanas, conta cun prazo de execución de 24 meses. Os traballos comezarán no treito de 11,5 quilómetros entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro.

Os obxectivos deste proxecto son o reforzo da seguridade viaria, a mellora da funcionalidade e o nivel de servizo da vía de altas prestacións.

O inicio do desdobramento entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro vese xustificado no incremento do tráfico neste treito, sendo no ano 2018 do 4,5% fronte ao 0,5% rexistrado no conxunto da rede autonómica de estradas.

Neste tramo, resulta necesaria a ampliación da capacidade, tanto pola súa alta intensidade de tráfico, uns 7.450 vehículos ao día, como pola súa orografía complicada, con pendentes pronunciadas que reducen a velocidade dos vehículos e diminúen as posibilidades de adiantamento.

As obras incluirán a construción dunha nova calzada paralela á existente, pola marxe esquerda sentido A Pobra de San Xiao, pasando dunha calzada con dous carrís actuais a dúas con dous carrís por sentido. A actuación tamén prevé a adaptación dos enlaces e dos pasos inferiores existentes, ademais da reposición dos camiños de servizo afectados.

O deseño da autovía responde aos criterios técnicos máis exixentes, o que vai a permitir facer o percorrido de xeito máis rápido, máis seguro e con maior comodidade, cunha velocidade máxima de 120 Km.

A intervención tamén procurará a redución da accidentalidade nas estradas como consecuencia do xabaril. Así, o treito de autovía entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro irá con valado reforzado en ambos os lados.