A cuarta convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) incorpora dous novos países de procedencia ao programa da Secretaría Xeral da Emigración

Rusia e os Países Baixos súmanse aos 25 Estados de residencia dos beneficiarios desta iniciativa do Goberno galego

A Arxentina, Venezuela, O Brasil, O Uruguai, México e Cuba encabezan, xunto a Galicia, os lugares de nacemento dos bolseiros

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2020

A cuarta convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) vén de incorporar ao programa da Secretaría Xeral da Emigración dous novos países de procedencia aos 25 que foron integrando a listaxe de beneficiarios das tres edicións anteriores. Así, un bolseiro residente ata agora en Rusia e outro que vivía nos Países Baixos súmanse a relación na que salientan Venezuela, A Arxentina, O Brasil e O Uruguai, entre outros, países dos que procederon un maior número de bolseiros desde a creación desta iniciativa por parte do Goberno galego, no ano 2017.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a listaxe definitiva dos 147 beneficiarios da convocatoria do curso académico 2020/2021 das BEME, dos que 23 mozas e mozos naceron en Galicia e volven agora á Comunidade a seguir os seus estudos universitarios, cumprindo así un dos obxectivos prioritarios do programa. Neste grupo atópanse precisamente os dous bolseiros procedentes tanto de Rusia como dos Países Baixos.

Outras procedencias

Do resto de beneficiarios, pola súa banda, 54 reside na Arxentina, 20 en Venezuela, 16 en México, 13 no Uruguai, 12 no Brasil, 10 no Reino Unido, 6 en Cuba, 3 en Chile e outros 3 Alemaña, 2 en Portugal, 2 en Italia, e 1 en Canadá, Ecuador, Francia, Países Baixos, Rusia e Suíza, respectivamente. Deles, 59 cursarán os seus estudos na Universidade de Santiago de Compostela, 57 na Universidade de Vigo, e 31 na Universidade da Coruña.

Respecto á idade media dos beneficiarios desta cuarta convocatoria das Bolsas Excelencia mocidade Exterior, esta sitúase en 29 anos, malia que o grupo máis numerosos de beneficiarios deste programa da Secretaría Xeral da Emigración é o que vai entre 22 e 30 anos de idade. Ademais, as mulleres volven concentran o 56% das bolsas, mantendo un ano máis a tendencia iniciada xa no primeiro curso o de 2017/2018.

Entre 7.000 e 11.574 euros

Os beneficiarios deste programa deben ser galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no exterior, e estar admitido na preinscrición dalgún dos mestrados das universidades galegas. A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aqueles que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun presuposto total de ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumno).

Este programa, incluído dentro da Estratexia Retorna 2020 posta en marcha pola Secretaría Xeral da Emigración, persegue incentivar o retorno dos cidadáns galegos do exterior, non só dos emigrados, senón tamén dos seus descendentes, favorecendo a súa incorporación e a dos seus fillos nos centros de ensino secundario da comunidade, así como no sistema universitario de Galicia.

Imaxes relacionadas