Unha nova edición dos Días Azuis do Comercio Galego busca poñer en valor o sector ao tempo que se dinamizan as vendas

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou hoxe na presentación da campaña, que a Xunta impulsa ata o 30 de setembro en colaboración coa Federación Galega de Comercio

Durante a celebración da iniciativa, os clientes que merquen nos establecementos minoristas poden participar no sorteo de 16.200 euros, repartidos nun total de 80 tarxetas prepago de 300 e de 150 euros

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2020

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou hoxe na presentación da nova edición dos Días Azuis do Comercio Galego, campaña que se celebrará do ata o 30 de setembro co obxectivo de impulsar as vendas do comercio de proximidade e poñer en valor o importante papel económico e social do sector no actual contexto económico.

Tal e como se sinalou na presentación, na que tamén participaron o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas; e o director de Red Comercial de ABANCA, Gabriel González Eiroa; a que é xa a cuarta edición dos Días Azuis do Comercio Galego contará coa colaboración dos establecementos de máis de 100 asociacións e centros comerciais abertos de toda Galicia.

Durante as datas de duración da campaña, os clientes que merquen nos establecementos minoristas poden participar no sorteo de 16.200 euros, repartidos nun total de 80 tarxetas prepago de 300 e de 150 euros. Para participar hai que rexistrar a compra na páxina da campaña https://www.diasazuis.com/ ou solicitar ao comerciante que faga o rexistro.

Imaxes relacionadas