O DOG publica hoxe a convocatoria dos actos expropiatorios para executar unha nova senda que unirá Carballo e Coristanco

Os actos de levantamento de actas previas fíxanse no termo municipal de Carballo entre os días 5 e 7 de outubro; e no municipio de Coristanco para o 8 de outubro

Estes procedementos realizaranse seguindo o estrito protocolo de medidas preventivas para evitar riscos de contaxio por mor da covid-19

A execución da nova senda, impulsada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, conta cun investimento superior ao millón de euros

Trátase de executar un itinerario de uso mixto que permita compatibilizar a seguridade viaria de todos os seus usuarios, con especial atención aos máis vulnerables da estrada

O itinerario executarase en dous treitos e estará separado da estrada por dous bordos e unha franxa verde de anchura variable, dando continuidade ás beirarrúas existentes en Carballo ata as do lugar de Montecelo, en Coristanco

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se convoca aos propietarios dos terreos necesarios para a execución do proxecto de itinerario peonil e ciclista na estrada AC-552, que unirá os núcleos de Carballo e Coristanco, para o levantamento de actas previas á ocupación.

O orzamento estimado desta actuación impulsada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade supera o 1 millón de euros.

Trátase da construción dun itinerario de uso compartido que permita a circulación de peóns e ciclistas non deportivos nesta estrada, entre os puntos quilométricos 32+620 e 34+400, dando continuidade ás beirarrúas existentes no núcleo de Carballo ata as beirarrúas existentes no lugar de Montecelo, no concello de Coristanco.

Ao acto expropiatorio están convocados os días 5, 6 e 7 de outubro os titulares dos terreos situados no termo municipal de Carballo, no Fórum Carballo, das 10:30 ás 13:00 horas. Os propietarios dos terreos situados no municipio de Coristanco están citados o día 8 de outubro, na Casa do Concello, das 10:30 ás 11:00 horas. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://xurl.es/p5td0.

Estes procedementos realizaranse seguindo o estrito protocolo de medidas preventivas para evitar riscos de contaxio por mor da covid-19. Así, para garantir o proceso e todas as medidas de seguridade sanitaria establécese que o local debe dispoñer dunha superficie suficiente para garantir a separación mínima, zona de espera ampla e ventilación e limpeza frecuente, onde non se poderá superar o límite de aforo e estarán dotados con carteis informativos e indicadores e xeles hidroalcohólicos. Mentres, os titulares das fincas teñen a obriga de asistir con máscara, ir só as persoas estritamente necesarias e non acudir no caso de presentar febre ou síntomas respiratorios.

A nova senda na comarca de Bergantiños ten por obxecto a construción dun novo itinerario que permita compatibilizar a seguridade viaria de todos os seus usuarios, con especial atención aos máis vulnerables das estradas.

A intervención comprende dous treitos de actuación. En ambos casos, o ancho da senda proxectada é de 2,5 metros e vai separada da calzada por dous bordos e unha franxa verde de ancho variable, en función da superficie dispoñible, sobreelevada 3 centímetros respecto da rasante da calzada nas zonas non urbanas e 10 centímetros en zonas urbanas.

Na marxe dereita desta estrada, actuarase entre os puntos quilométricos 32+620 e 33+180, comunicando a beirarrúa existente no núcleo de Carballo coa vía de acceso á factoría de Calvo que conecta a vía autonómica á altura do punto quilométrico 33+200.

Na marxe esquerda da AC-552 a intervención esténdese entre os puntos quilométricos 32+620 e 34+400, comunicando neste caso as beirarrúas existentes no núcleo de Carballo e o lugar de Montecelo (Coristanco), continuando a beirarrúa pola marxe dereita ata o núcleo de Coristanco.

Nesta actuación do departamento de Infraestruturas da Xunta inclúese ademais da pavimentación da senda, a execución do sistema de drenaxe de augas pluviais e a execución da obra civil dalgúns servizos, en coordinación coa renovación de canalizacións de telecomunicacións e alumeado que está a executar a entidade local.

Esta actuación está enmarcada no Plan de Sendas de Galicia, cofinanciado con Fondos Feder 2014-2020, na comarca de Bergantiños.