A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade mantivo unha xuntanza coa directora de Calidade de Vida da Dirección Xeral de Medio Ambiente, Verónica Manfredi

Ethel Vázquez salienta que Galicia aspira a ser de novo referente en fondos europeos con proxectos para unha xestión máis verde da auga por 675 millóns de euros

Na reunión avaliáronse os proxectos que poden resultar elixibles para o cofinanciamento con cargo ao programa operativo Feder 21/27 e ao fondo de reconstrución Next Generation UE, creado a consecuencia da covid-19

Vázquez Mourelle expuxo iniciativas para mellorar a calidade de vida dos cidadáns a través dunha xestión máis eficiente do ciclo da auga no novo contexto climático, que agora serán remitidas á Comisión Europea e tamén ao Goberno español

Presentou as iniciativas destinadas a garantir o abastecemento de auga á poboación e aumentar a resiliencia fronte á seca

Trasladou a necesidade de aumentar a eficiencia dos sistemas de saneamento e abastecemento, mellorando as redes que sofren infiltracións e perdas

Fixo fincapé en avanzar cara a unha maior eficiencia enerxética das infraestruturas hidráulicas para diminuír o custo e o impacto e impulsar sistemas máis “verdes”

Puxo en valor a experiencia da Xunta na xestión de fondos europeos, que fixeron posible a disposición de 159 depuradoras, 130 km de sendas seguras e sostibles ou estacións intermodais que pronto entrarán en servizo en 4 cidades galegas

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe que Galicia aspira a ser de novo referente en fondos europeos con proxectos para unha xestión máis verde da auga por 675 millóns de euros.

Así llo trasladou a conselleira, nunha xuntanza por videoconferencia, á directora de calidade de vida da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, Verónica Manfredi. No encontro, organizado coa colaboración da Fundación Galicia Europa, tamén participaron o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, o secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Joaquín Macho, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez.

Ethel Vázquez expúxolle aos representantes da Comisión Europea as prioridades de Galicia en materia de augas, aliñadas coa loita contra o cambio climático ou a transformación dixital.

Trátase da primeira das xuntanzas previstas para trasladarlles as necesidades estratéxicas de Galicia en materia de augas e mobilidade de cara ao reparto do financiamento no próximo programa Feder e nos fondos de reconstrución tras a pandemia.

No encontro avaliáronse as iniciativas que poden resultar elixibles para o seu cofinanciamento con cargo ao vindeiro programa operarivo Feder 21/27 e ao fondo de reconstrución Next Generation UE, creado a consecuencia da covid-19.

Vázquez Mourelle acreditou ante a Comisión Europea que Galicia ten claros os proxectos a desenvolver nos vindeiros anos para mellorar a calidade de vida dos cidadáns a través dunha xestión máis sostible e eficiente do ciclo da auga no novo contexto climático, enmarcada na Estratexia de crecemento de Augas de Galicia e en liña cos programas de crecemento verde da Comisión Europea, co Pacto verde europeo.

Neste sentido, presentou os plans concretos que se queren acometer no eido do abastecemento, pois o cambio no réxime de precipitacións exixe actuar para garantir a auga á poboación, facela menos vulnerable e aumentar a súa resiliencia fronte á seca.

Tamén resaltou a necesidade de aumentar a eficiencia dos sistemas de saneamento e abastecemento, mellorando as redes que sofren infiltracións e impiden un axeitado funcionamento das depuradoras, así como evitando as fugas de auga que merman a capacidade de garantir o abastecemento de auga.

A este respecto, Ethel Vázquez trasladou o esforzo realizado nos últimos anos para avanzar no saneamento das rías e para dar cumprimento ás normativas comunitarias. Referiuse, en concreto, á ría do Burgo, onde a Xunta leva investido máis de 100 millóns de euros en distintas actuacións de apoio aos concellos da ría no desenvolvemento das súas competencias de saneamento e depuración e cuxo dragado se atopa agora pendente de licitación por parte do Executivo español-

Ademais fixo fincapé en avanzar cara a unha maior eficiencia enerxética das infraestruturas hidráulicas para diminuír o seu custo e impacto, así como desenvolver sistemas máis “verdes”.

As prioridades trasladadas hoxe a través da videoconferencia serán remitidas agora por escrito, tanto á Comisión Europea como ao Goberno de España de cara á obtención do financiamento comunitario do vindeiro período operativo dos fondos Feder 21/27 e do fondo de reconstrución da Unión Europea, Next Generation-UE.

Experiencia na xestión de fondos europeos

Ethel Vázquez puxo en valor a experiencia da Xunta na xestión e execución de fondos europeos, que teñen permitido dar un salto cualitativo na extensión dos servizos de depuración ou no saneamento das augas das rías.

Lembrou que froito da xestión destes fondos hoxe hai en Galicia 159 depuradoras de augas residuais urbanas cunha capacidade de tratamento maior de 2.000 habitantes e todas as rías teñen un plan de saneamento en marcha.

Tamén engadiu que os citados fondos facilitaron o impulso da mobilidade alternativa, con máis de 130 km de sendas, ou o fomento do transporte público a través das estacións intermodais que pronto entrarán en servizo en 4 cidades galegas.

Imaxes relacionadas