A Xunta adxudica a execución dunha glorieta na intersección das estradas autonómicas LU-652 e LU-546, no Concello de Bóveda

A actuación, adxudicada por un importe de 171.000 euros, comezará o vindeiro mes de outubro e terá un prazo de execución de 6 meses

Construirase unha glorieta dun diámetro exterior de 41 metros, dous carrís de 4 metros e beiravías de 1 metro de ancho, e accesos e saídas cun único carril

Tamén se dará acceso ao camiño de servizo existente na marxe esquerda do eixo Lugo-A Pobra do Brollón

Na saída da glorieta cara á Pobra do Brollón permitirase un xiro á esquerda para acceder ao parque empresarial de Bóveda e instalarase un paso de peóns con semáforos para reforzar a seguridade

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de construción dunha glorieta na intersección das estradas de titularidade autonómica LU-652 e LU-546, ao seu paso polo concello de Bóveda.

Esta intervención foi adxudicada á empresa Grupo Bascuas 2008 S.L., prevéndose o seu comezo no vindeiro mes de outubro. O prazo de execución das obras estímase en 6 meses.

Trátase de mellorar a seguridade viaria e as condicións do tráfico rodado e peonil nesta contorna.

As obras proxectadas consisten na execución dunha glorieta na intersección das ditas estradas, cun diámetro interior de 21 metros e un diámetro exterior de 41 metros, con accesos e saídas cun único carril. A plataforma da glorieta terá dous carrís de 4 metros e beiravías de 1 metro de ancho.

Tamén se lle dará acceso ao camiño de servizo existente na marxe esquerda do eixe Lugo-A Pobra do Brollón.

Na saída da glorieta, na dirección á Pobra do Brollón, permitirase un xiro á esquerda para acceder á vía existente cara ao parque empresarial de Bóveda. Neste mesmo punto, tamén se proxecta un paso de peóns accionado mediante semáforos e a instalación da semaforización correspondente, dando así continuidade a unha rede peonil existente na zona.

Os traballos incluirán o repintado de marcas viarias e a colocación de nova sinalización vertical, balizamento e defensas, así como a reubicación da farola existente ao centro da glorieta.