Os avances nos traballos da senda peonil e ciclista en Portomarín, fan necesario o desvío do tráfico en horario laboral hoxe e mañá na estrada autonómica LU-633

Trátase de progresar na execución deste itinerario continuo de 260 metros desde a zona do albergue de peregrinos ata a entrada da ponte de acceso á vila

Para instalar as estruturas prefabricadas de ampliación da plataforma da vía está xa habilitado desde as 7 de mañá o desvío debidamente sinalizado, contando tamén con tres persoas de apoio para regular o paso alternativo nos cruces da estrada

Ao final de cada xornada de traballo repoñerase o paso polo carril xa habilitado desde hoxe na LU-633, regulado con semáforos para a circulación alternativa de vehículos

O novo itinerario impulsado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade conta cun investimento de 285.000 euros e un prazo de execución de 6 meses

Esta actuación nun dos accesos principais á localidade para os peregrinos que realizan o Camiño de Santiago está incluída no Plan de sendas de Lugo

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2020

Os avances nos traballos de execución da senda peonil en Portomarín, fan necesario o desvío do tráfico en horario laboral hoxe e mañá na estrada autonómica LU-633.

O desvío está habilitado xa desde as 07:00h e prolongarase ata as 19:30 horas desta tarde; mañá estará habilitado entre as 07:00h e ata 13:00 horas.

Trátase de seguir avanzando nas obras de construción dunha senda de 260 metros de lonxitude na marxe esquerda desta estrada para executar un itinerario continuo sen ter que cruzar a vía, nun treito por onde discorre o Camiño de Santiago Francés.

Desde a pasada semana está a traballarse na zona próxima ao encoro para executar a ampliación da plataforma da estrada, que require a instalación dunhas estruturas en voladizo prefabricadas, chamadas prelosas. Esta intervención previa fixo preciso o levantamento do carril dereito da estrada, para a colocación das prelosas, polo que a circulación está a efectuarse polo carril libre, dándose paso alternativo con semáforos.

Hoxe comezan os traballos de colocación das prelosetas prefabricadas, para o que xa está deseñado o desvío alternativo do tráfico da estrada LU-633. O corte da estrada está sinalizado e coordinado co Concello. Para minimizar a afección na circulación, tamén están na zona tres persoas regulando o paso alternativo do trafico nos tres cruces do desvío alternativo habilitado.

Ao final de cada xornada repoñerase o paso do tráfico polo carril xa habilitado na LU-633, entre os puntos quilométricos 72+200 e 72+700, regulado con semáforos para o paso alternativo de vehículos.

Con esta intervención ampliarase a sección actual para poder albergar os elementos da nova plataforma, que servirá para reforzar a seguridade das persoas que se desprazan a pé, evitando que teñan que circular pola beiravía.

O novo itinerario

O novo itinerario impulsado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade conta cun investimento de 285.000 euros, e ten un prazo de execución de 6 meses.

A execución da senda ten como obxectivo mellorar as condicións de seguridade dos peregrinos e dos peóns, en xeral, no seu percorrido por esta zona, desde a baixada do Camiño de Santiago -fronte ao albergue situado a esa altura da vía autonómica- ata a entrada da ponte de acceso á vila de Portomarín.

No punto de inicio localízanse as escadas de baixada do Camiño Francés na beira dereita, polo que nesa parte complementarase cun pequeno treito de senda a ese lado da calzada e un paso de peóns.

Esta intervención nun dos accesos principais á localidade para os peregrinos que realizan a ruta Xacobea enmárcase na aposta da Xunta por un modelo de mobilidade segura e sostible e está incluída no Plan de sendas de Galicia para a comarca de Lugo. A actuación está cofinanciada con Fondos Feder 2014/2020.

Imaxes relacionadas